A ROSEGHA DESPÍDESE A TODA VELA: O IZADO DAS GAMELAS PECHA UNHA FIN DE SEMANA DE MEMORIA MARIÑEIRA
• O pasarrúas do Grupo de Gaitas do Clube de Xubilados e Pensionistas, os obradoiros de arxila e návoas e as últimas quendas de navegación completaron a xornada de clausura da terceira edición do festival organizado pola Asociación Piueiro
• A entrega de premios recoñeceu o traballo dos modelistas participantes nunha edición que pecha con dous días de actividade ininterrompida e cunha navegación nocturna que se prolongou ata a madrugada
Mar Bermúdez/A Guarda
As velas das vellas gamelas volveron erguerse este domingo no porto da Guarda. Foi o xesto que mellor resumiu a fin de semana: as embarcacións dos antigos gameleiros izadas de novo diante de centos de ollos, mentres o Grupo de Gaitas do Clube de Xubilados e Pensionistas poñía música a unha explanada que levaba dous días sen baleirar.
A xornada de peche arrincou pola mañá coas últimas quendas de navegación e cos obradoiros de arxila e návoas, que desde ás 11.00 horas volveron encher as mesas de rapazada. Foi a imaxe que se repetiu durante toda a fin de semana: os máis pequenos construíndo os seus primeiros barcos a uns metros das maquetas coas que outros levan media vida traballando. Ese cruce de xeracións é, seguramente, o que mellor explica o que A Rosegha significa para a vila e para toda Galicia.
Antes, na madrugada do sábado ao domingo, a carpa viviu un dos momentos máis singulares do festival: a navegación nocturna, coas maquetas riscando a auga pasada a medianoite e o porto en silencio arredor. Unha estampa que xa se converteu en marca da casa e que cada ano gaña público.
A entrega de premios, ás 13.00 horas, puxo o punto final á programación e recoñeceu o traballo dos modelistas participantes nas distintas categorías de navegación, dos barcos de guerra á vela tradicional, a pesca e a manobra.
Desde a Asociación Piueiro despiden esta terceira edición co convencemento de que A Rosegha xa non é unha aposta, senón unha realidade consolidada.
O colectivo agradece a implicación do voluntariado, a resposta da veciñanza e o apoio do Concello da Guarda e da Deputación de Pontevedra, sen os que sería imposible levantar unha cita destas dimensións. O porto recuperou desde onte a súa rutina. As maquetas volven aos talleres, as návoas ás mans que as fixeron e as velas das gamelas ao seu descanso. O festival A Rosegha queda fondeada, que non parado, ata o verán de 2027.


Ningún comentario:
Publicar un comentario