8 de xul. de 2026

A GUARDA

A PRAZA DO RELÓ DA GUARDA ACOLLERÁ O ESPECTÁCULO TEATRAL PARA TODA A FAMILIA “ÑIQUI ÑAQUE” 

•  A función, de balde, será este xoves, 9 de xullo, ás 20:30 horas, e forma parte da programación estival do Concello da Guarda “Miúdo Verán” dirixida ao público familiar 



Infogauda/A Guarda

 O Concello da Guarda continúa esta semana coa programación do “Miúdo Verán”, unha iniciativa cultural pensada para que veciñanza guardesa e visitantes poidan gozar de actividades en familia durante os meses de verán. 

 A segunda cita terá lugar este xoves, 9 de xullo, ás 20:30 horas, na praza do Reló, coa representación de “Ñiqui Ñaque”, unha coprodución do Centro Dramático Galego e Espectáculos Valente, que chega á Guarda dentro da súa xira de verán. 

 A obra conta a historia de Cosme e Damián, dous cómicos ambulantes que, cando están a piques de poñer fin á súa compañía, reciben un inesperado encargo: representar unha singular versión de Romeo e Xulieta. A partir desta premisa, e mentres avanzan nun motocarro avariado, o espectáculo combina humor, clown, máscaras e acrobacias para ofrecer unha divertida e emotiva homenaxe ao teatro e aos oficios das artes escénicas. 

 A proposta parte do texto homónimo de Cándido Pazó e preséntase nesta versión para teatro de rúa con dirección e dramaturxia de Roberto Vázquez, interpretada por Ángel Blanco e Dani Lago. 

 Con esta nova actividade, Miúdo Verán continúa ofrecendo unha programación cultural gratuíta e de calidade, deseñada para favorecer o lecer compartido e achegar as artes escénicas aos espazos públicos da vila. 

 O Concello da Guarda convida a todas as familias a achegarse á praza do Reló para desfrutar dunha tarde de teatro, humor e emoción da man dunha das propostas máis destacadas da tempada de teatro de rúa galego. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario