A GUARDA SÚMASE AO FESTIVAL ABANEA CUNHA XORNADA DEDICADA Á DANZA CONTEMPORÁNEA
• O Auditorio de San Bieito acollerá este venres, 10 de xullo, ás 19:30 horas, unha programación que inclúe tres espectáculos, actividades co público e unha pista de baile aberta á participación da veciñanza
Infogauda/A Guarda
O Concello da Guarda incorpórase este ano ao percorrido de ABANEA: Festival de Danza e de Movemento, unha das citas de referencia da danza contemporánea en Galicia, que celebra a súa quinta edición do 8 ao 12 de xullo levando a creación artística a espazos públicos de diferentes localidades galegas.
A programación chegará á Guarda o venres, 10 de xullo, ás 19:30 horas, convertendo o Auditorio de San Bieito nun escenario ao aire libre para a danza contemporánea. A xornada reunirá tres propostas artísticas, actividades de mediación e participación cidadá, ofrecendo unha experiencia cultural aberta a todos os públicos.
A actividade comezará coas accións de mediación de “Happening ABANEA Canle”, unha iniciativa que busca favorecer o encontro entre artistas e público da man de Carlota Mosquera. Ás 20:30 horas dará comezo a programación escénica, que achegará ao público guardés diferentes linguaxes da danza contemporánea e da creación en espazo público coas compañías OUPS Dance Company (Francia), Martín Blanco (Galicia) e Tjaša Bucik & Patricija Crnkovič (Eslovenia). Como peche da xornada, celebrarase a “Pista de Baile ABANEA”, un espazo participativo pensado para compartir o movemento e converter a danza nunha experiencia colectiva co público asistente.
A incorporación da Guarda a este festival supón unha nova oportunidade para seguir ampliando a oferta cultural do municipio e achegar á veciñanza guardesa propostas escénicas innovadoras e de calidade, ao tempo que se pon en valor o espazo público como lugar de encontro e creación.
Nesta quinta edición, ABANEA reúne once compañías e artistas procedentes de Galicia, Madrid, Cataluña, Francia, Eslovenia e Chile, nun programa integrado por quince espectáculos que se desenvolverán en Ames, Outes, A Guarda, Foz e Celanova.

Ningún comentario:
Publicar un comentario