O libro-programa das Festas do Monte Santa Trega 2026 xa está á venda
Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda
O libro-programa das Festas do Monte Santa Trega 2026 xa está dispoñible para todas aquelas persoas que queiran facerse cun exemplar e coñecer de primeira man todos os detalles dunha das celebracións máis emblemáticas da Guarda.
Esta publicación, que cada ano se converte nunha peza imprescindible para veciños, veciñas e visitantes, recolle a programación dos actos previstos para esta edición das festas, así como información de interese sobre as actividades culturais, musicais, deportivas e tradicionais que formarán parte dunha celebración marcada pola participación e o encontro da veciñanza.
Ademais de servir como guía práctica para non perder ningún dos eventos programados, o libro-programa mantén o seu carácter de publicación conmemorativa, reunindo colaboracións, contidos divulgativos e elementos que contribúen a poñer en valor a historia, a identidade e o patrimonio das Festas do Monte Santa Trega, declaradas de Interese Turístico de Galicia.
As persoas interesadas poden adquirir xa o seu exemplar nos puntos de venda habilitados pola organización. A adquisición do libro-programa supón tamén unha forma de colaborar coa continuidade dunha festa profundamente arraigada na sociedade guardesa e recoñecida polo seu especial valor cultural e social.
O libro está impreso en papel estucado de 135 g coa cuberta en estucado de 350 g e laminado en mate.
O equipo humano de Donauta Publicidad S.A., de A Guarda, ocupouse non soio do deseño da contraportada, o marcapáxinas e algúns anuncios interiores, senón da impresión do libro-programa.
O formato final é 17x24 cm con solapas, e a encadernación é rústica cosida.
Desde a organización das Festas do Monte Santa Trega anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a facerse co seu exemplar e a participar activamente nunha nova edición dunha celebración que, ano tras ano, reúne tradición, música, cultura e convivencia arredor do Monte Santa Trega.

Ningún comentario:
Publicar un comentario