Seguridade cidadá
Abel Losada destaca o bo nivel de seguridade da Guarda e reforza o dispositivo para garantir unhas Festas do Monte seguras
• A Xunta Local de Seguridade coordinou o operativo especial para a principal cita festiva do verán no municipio
• A Guarda reduciu un 10,9 % a criminalidade durante 2025 e mantén uns indicadores de seguridade dentro da normalidade
Infogauda/A Guarda
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, e o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, copresidiron esta mañá a Xunta Local de Seguridade, na que participaron representantes da Garda Civil, da Policía Local e dos distintos servizos implicados, co obxectivo de coordinar o dispositivo especial previsto para as Festas do Monte e analizar a evolución da seguridade cidadá no municipio.
Durante a reunión púxose de manifesto que A Guarda é un concello seguro, mantendo uns indicadores de seguridade que entran dentro da normalidade. En 2025, o municipio rexistrou un descenso do 10,9 % das infraccións penais. Tamén experimentaron unha redución significativa os delitos contra as persoas e os delitos contra a seguridade colectiva, o que consolida a evolución favorable da criminalidade na localidade.
Abel Losada destacou que estes datos son froito do traballo coordinado das Forzas e Corpos de Seguridade e da colaboración permanente co Concello, ao tempo que lembrou que a prevención continúa sendo un elemento fundamental para manter estes niveis de seguridade.
Na Xunta Local sinalouse tamén que arredor do 21 % dos delitos contra o patrimonio teñen carácter telemático, polo que o subdelegado insistiu na necesidade de reforzar a información e a prevención fronte ás ciberestafas, especialmente entre os colectivos máis vulnerables.
Violencia de xénero
A Xunta Local de Seguridade analizou igualmente a situación da violencia de xénero no municipio.
Na provincia de Pontevedra existen actualmente 1.993 casos activos no sistema VioGén, correspondentes a 1.941 vítimas e 1.940 autores. No concello da Guarda permanecen activos 14 casos.
Abel Losada reiterou que a loita contra a violencia machista continúa a ser unha prioridade do Goberno de España e puxo en valor a coordinación entre a Garda Civil, o Concello e os servizos especializados para garantir a protección das vítimas.
Plan director nos centros educativos
Durante a reunión realizouse tamén un balance do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e a súa contorna, unha iniciativa que desenvolven as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para promover a prevención e a educación en materia de seguridade entre a comunidade educativa.
No que vai de ano desenvolvéronse na Guarda 27 conferencias, nas que participaron 1.109 alumnos e alumnas e 56 docentes, ademais de manterse 10 reunións con persoal docente e equipos directivos. Estas actuacións abordaron cuestións como o acoso escolar, os riscos asociados ao uso de internet e das redes sociais, a violencia de xénero, o consumo de drogas e outras condutas de risco.
Dispositivo especial para as Festas do Monte
A Xunta Local de Seguridade aprobou o dispositivo especial para as Festas do Monte, organizado polo Concello da Guarda.
O operativo desenvolverase conforme ao correspondente Plan de Autoprotección e suporá un reforzo dos medios humanos e materiais respecto a edicións anteriores.
Entre as principais medidas previstas figura a instalación de cámaras fixas nas zonas máis sensibles do Monte Santa Trega, co obxectivo de incrementar a protección do patrimonio e mellorar a capacidade de resposta ante posibles incidencias. Así mesmo, habilitarase un aparcadoiro no campo dos Chans para facilitar a mobilidade durante os días de maior afluencia.
O dispositivo contará con máis de medio centenar de efectivos, integrados por Garda Civil, Policía Local, GES, servizos sanitarios e ambulancias, que traballarán de maneira coordinada ao longo de toda a celebración.
Ademais, reforzarase o servizo nocturno durante todos os días das festas, establecéndose dispositivos específicos nos horarios de maior afluencia de público e nos momentos de especial concentración de persoas.
En materia de mobilidade, estableceranse operativos especiais de regulación do tráfico adaptados aos distintos actos programados ao longo da semana festiva, co fin de garantir a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos tanto da veciñanza como das persoas visitantes.
Abel Losada destacou que "a coordinación entre todas as administracións e os corpos operativos é a mellor garantía para que unhas festas que congregan miles de persoas transcorran con total normalidade", ao tempo que apelou á responsabilidade e á colaboración cidadá para contribuír a que as Festas do Monte se desenvolvan nun ambiente seguro.
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario