A GUARDA ACOLLERÁ O VINDEIRO MÉRCORES UN CONCERTO AUDIOVISUAL EN HOMENAXE AO FOTÓGRAFO JOSÉ SUÁREZ
• O Centro Cultural será o escenario desta proposta artística que combina música en directo e proxeccións para percorrer a vida e a obra do fotógrafo homenaxeado no Día das Artes Galegas 2026
Infogauda/A Guarda
O Concello da Guarda continúa coa programación especial dedicada á figura de José Suárez Fernández, o fotógrafo galego de maior proxección internacional, coa celebración dun concerto audiovisual o vindeiro mércores 29 de xullo, ás 20:30 horas, no Centro Cultural da Guarda.
A proposta, estreada no ano 2022 nas ruínas da igrexa de Santo Domingo de Pontevedra, e representada xa en preto dun cento de concellos galegos, chega agora á Guarda para ofrecer unha experiencia artística que combina música en directo e videocreación en vivo.
A través da interpretación de Rafael Fernández (guitarra) e Benxamín Otero (óboe e corno inglés), acompañados das creacións visuais de Iván Torres, o espectáculo propón unha viaxe dividida en catro etapas fundamentais da traxectoria de José Suárez: a súa Galicia natal e as fotografías de mariñeiros, o exilio, a etapa no Xapón e o seu regreso a España ata o seu falecemento.
A música, composta expresamente para esta proposta, dialoga coas fotografías orixinais e con fragmentos de filmacións en 8 mm dixitalizadas, incorporando tamén textos do propio Suárez e doutros intelectuais da súa época, como Miguel de Unamuno ou Eduardo Blanco Amor, ofrecendo unha visión íntima e emocional da súa figura.
Este concerto forma parte das actividades coas que o Concello da Guarda súmase á homenaxe que a Real Academia Galega de Belas Artes dedica este ano a José Suárez, ao ser elixido protagonista do Día das Artes Galegas 2026.
Nado en Allariz en 1902 e falecido na Guarda en 1974, José Suárez destacou por unha traxectoria marcada pola vangarda artística, o exilio e unha profunda sensibilidade humana. Mantivo relación con destacadas figuras da cultura española e internacional, como Miguel de Unamuno, Eduardo Blanco Amor, Luís Seoane, Rafael Alberti ou o cineasta Akira Kurosawa, consolidándose como un dos grandes referentes da fotografía galega e española.
Dentro da súa obra sobresae especialmente a serie "Mariñeiros", considerada un dos seus traballos máis recoñecidos e decisivos na súa proxección internacional. Nela retratou con gran sensibilidade a vida das xentes do mar das Rías Baixas, incluíndo imaxes tomadas na Guarda, vila que visitou en numerosas ocasións e coa que mantivo unha estreita vinculación, ata establecer nela a súa residencia nos seus últimos anos de vida.
Ademais deste concerto, o Concello da Guarda acolle durante todo o mes de xullo a exposición itinerante dedicada a José Suárez, instalada no paseo marítimo do porto, completando así unha programación que pretende achegar á veciñanza a figura e o legado dun dos grandes nomes da fotografía galega
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario