8 de xul. de 2026

A GUARDA

O BNG DENUNCIA QUE CARRERO ANTEPÓN A COMPRA DA CASA DE D. ELOI  A OBRAS URXENTES COMPROMETIDAS COA VECIÑANZA         

Anxo Lois Baz (BNG) advirte de que proxectos como a apertura do Baixo Muro ou a rehabilitación da Escola de San Lourenzo quedan pospostos 


O portavoz municipal do BNG da Guarda, Anxo Lois Baz Vicente e a concelleira e deputada provincial Beatriz Lomba Rodríguez (Bea), amosando publicacións nas que o grupo nacionalista expón á cidadanía seu posicionamento respecto a compra da vivenda e finca de don Eloi Domínguez Veiga

Foto:GMBNG

Infogauda/A Guarda  

 O portavoz municipal do BNG da Guarda, Anxo Lois Baz Vicente, amosou a súa preocupación tras coñecer a aprobación da subvención da Deputación de Pontevedra para adquirir a Casa de Don Eloi. Baz lembrou que a súa formación xa advertira das "consecuencias nefastas" que esta operación tería para o día a día do municipio. “Mesmo antes de formalizar a compra, obras xa comprometidas como a apertura do Baixo Muro ou a rehabilitación da Escola de San Lourenzo quedan relegadas porque o alcalde priorizou este inmoble”, denunciou o voceiro nacionalista. 

 Pola súa parte, a deputada provincial Beatriz Lomba Rodríguez (Bea) censurou que o alcalde, Roberto José Álvarez Carrero, e o PP na Deputación deixen atrás compromisos adquiridos coa veciñanza e co propio BNG. Lomba cualificou de "desorbitado" o investimento nunha propiedade que non conta  cun plan de usos definido. A nacionalista lembra  que o prezo de compra ascende a 710.000 euros, pero advirten de que o custo real para as arcas públicas será moito maior, xa que se descoñece o importe da rehabilitación integral e do mantemento futuro. De feito, o pasado mes de maio os nacionalistas desvelaron un informe técnico que o Goberno local mantiña oculto. Este documento destapa que só a restauración do xardín superaría o millón e medio de euros, sen contar o custo de arranxar as infraestruturas danadas ou a custosa reforma do edificio. O BNG conclúe que este "investimento millonario" é unha "ocorrencia do alcalde" que corre o risco de hipotecar o futuro da Guarda durante os vindeiros anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario