11 de xuño de 2026

TUI

O PP DE TUI DENUNCIA IRREGULARIDADES, AFECCIÓNS PATRIMONIAIS E INVASIÓN DE PROPIEDADES PRIVADAS NO CAMBIO DE LUMINARIAS NO CASCO HISTÓRICO 

• Os populares, que comparten as queixas e malestar dos veciños, demandan explicacións ao goberno local, tanto no procedemento como na execución, xa que se cambiou o modelo de farolas e se pretenderon acometer canalizacións polas fachadas na rúa Cuenca 

• O voceiro municipal, Nico Montes, lamenta a “neglixencia e maltrato” do executivo socialista na preservación da zona antiga da cidade 


Nico Montes, voceiro municipal do PP tudense
Foto:GMPP


Infogauda/Tui

 O grupo municipal do PP de Tui vén de denunciar a existencia de irregularidades, afeccións patrimoniais e invasión de propiedades privadas sen permiso dos seus donos na obra de cambio de luminarias no Casco Histórico da cidade, polo que quere esixir explicacións ao goberno de Enrique Cabaleiro sobre todas as anomalías no desenvolvemento desta obra. 

 Os populares revelaron que existen numerosas queixas e malestar por parte dos veciños da zona, que aseguraron compartir e cuxos intereses pretenden defender ante o Concello, xa que indicaron que existiron anomalías no procedemento e tamén na execución, posto que se cambiou o modelo de farolas sen previo aviso e incluso se pretenderon acometer canalizacións visibles polas fachadas no caso da rúa Cuenca, aínda que finalmente só se producíu nun caso. 

 Neste senso, o PP tudense indicou que o proxecto, elaborado por un técnico externo ao Concello, contemplaba un modelo de luminaria concreto, algo de vital importancia pola necesaria preservación patrimonial dunha zona sensible, pero finalmente cambiouse e o elixido presentaba diferenzas apreciables desde o punto de vista estético con respecto ao fixado polo prego de bases. Ademais, esta modificación non se informou aos veciños e se aprobou no pasado mes de maio, malia que as novas farolas xa se estaban instalando en abril. 

 Por outra banda, outra incidencia de calado afectou á rúa Cuenca, que dispón de canalización subterránea libre, un aspecto relevante ao abeiro do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico (PEPCHA) e que obrigaba a unha solución técnica adaptada para non afear a imaxe da zona. 

 Ante esta situación, os populares resumen a situación en que existen dúbidas sobre a legalidade e a xustificación da solución adoptada, xa que hai algunha condución visible e faltan informes que confirmen a compatibilidade coa normativa patrimonial; hai unha total ausencia de alternativas menos invasivas para os valores patrimoniais desta contorna; e ademais hai afeccións a propiedades privadas sen que consten autorización dos donos e convenios que permitan actuar sobre as súas fachadas. 

 Por todo iso, o voceiro municipal do PP tudense, Nico Montes, lamentou a “neglixencia e maltrato” do executivo socialista na imprescindible preservación da zona antiga da cidade e anunciou a solicitude de explicacións, “xa que ademais chove sobre mollado, porque en todas as obras hai problemas de execución, malestar dos veciños e irregularidades nos procedementos con cambios a posteriori, problemas cos prazos, incumprimentos cos pregos e cuestións estranas coas contratacións”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario