Éxito rotundo da viaxe colectiva á memoria do pisco con De avoas a netas
• Sala ateigada na proxección das tres curtas realizadas ao abeiro deste proxecto de voluntariado interxeracional
Infogauda/O Rosal
A emoción, o silencio atento e a memoria compartida marcaron unha tarde que xa forma parte da historia recente do Rosal. A Sala de Exposicións do Concello quedou pequena ante a grande afluencia de veciñanza que asistiu á proxección das tres pezas audiovisuais dedicadas ao pisco, unha das experiencias máis singulares da memoria colectiva rosaleira, dentro do proxecto de voluntariado interxeracional ‘De avoas a netas’.
A resposta do público superou as previsións iniciais, cunha participación masiva que converteu a actividade nun encontro interxeracional no que lembranzas, historias e vivencias volveron cobrar vida a través da pantalla e do posterior faladoiro aberto.
As curtas recrean escenas ambientadas nas décadas de 1940 e 1950, nun contexto de posguerra marcado pola escaseza e o racionamento, no que o contrabando nas ribeiras do Miño, o coñecido pisco, se converteu nunha actividade habitual e socialmente integrada. Produtos básicos como arroz, ovos ou café, xunto con outros bens como tabaco, cobre ou a chamada zocata, forman parte destas narracións que recuperan unha forma de vida estreitamente ligada ao territorio e á fronteira.
O público asistente puido recoñecer en imaxes e relatos espazos cotiáns do municipio, convertidos agora en escenarios de memoria: camiños, ribeiras e lugares que forman parte da vida diaria pero que tamén gardan historias de supervivencia e identidade.
Tras a proxección celebrouse un faladoiro aberto coa participación da directora de teatro portuguesa Patricia Portela no que se compartiron reflexións e lembranzas arredor desta etapa histórica, contribuíndo a profundar no valor do patrimonio inmaterial e na importancia de preservar a memoria oral como ferramenta de identidade colectiva.
Desde o Concello do Rosal sublíñase o éxito desta iniciativa, que conseguiu implicar activamente á veciñanza e poñer en valor o traballo desenvolvido pola mocidade participante no proxecto, así como a colaboración das persoas voluntarias que fixeron posible as recreacións audiovisuais.
O proxecto está cofinanciado con fondos europeos NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, e continúa consolidándose como unha iniciativa de referencia na recuperación da memoria histórica e no impulso da participación cidadá no Rosal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario