A Casa de Galicia en Madrid inaugura a exposición “Nicolás Muller en Galicia”, unha viaxe fotográfica pola comunidade nos anos sesenta
• A mostra reúne 49 imaxes realizadas polo fotógrafo húngaro durante as súas viaxes por Galicia e recupera un valioso patrimonio documental sobre o territorio, o mar, o traballo e a modernización da comunidade.
Infogauda/Madrid
A Casa de Galicia en Madrid inaugurou esta mañá a exposición Nicolás Muller en Galicia, unha mostra promovida pola Fundación Cidade da Cultura que achega ao público unha selección de fotografías realizadas polo recoñecido fotógrafo documental Nicolás Muller durante as súas viaxes a Galicia na década de 1960.
O acto estivo presidido polo director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, e contou coa participación da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez; do comisario da exposición, José Ferrero; e de Ana Muller, filla do fotógrafo.
Durante a súa intervención, Luis E. Ramos destacou a figura de Nicolás Muller como unha das grandes referencias da fotografía documental europea do século XX. O director lembrou que Muller naceu en Hungría en 1913, o mesmo ano e no mesmo país que outro dos grandes nomes da fotografía internacional, Robert Capa, e que a súa traxectoria estivo marcada polos profundos cambios históricos que atravesou Europa durante a primeira metade do século pasado.
Ramos explicou que Muller chegou a España a raíz dun encargo da editorial Clave para ilustrar unha colección de publicacións destinadas a proxectar unha imaxe moderna do país, favorecendo a captación de investimentos e a promoción turística. Neste sentido, sinalou que esta misión conecta coa propia actividade que desenvolve a Casa de Galicia en Madrid, institución que ten entre as súas funcións a promoción económica e turística da comunidade, así como a difusión da lingua e da cultura galegas.
O director agradeceu a colaboración da Fundación Cidade da Cultura de Galicia para facer posible a chegada desta exposición á capital de España e convidou aos asistentes a continuar participando na programación cultural da Casa de Galicia.
Un proxecto para redescubrir a Galicia fotografada por Muller
A exposición reúne unha selección de 49 fotografías das máis de 700 imaxes que Nicolás Muller realizou en Galicia durante os seus desprazamentos pola comunidade. Moitas delas permanecían inéditas ou nunca foran expostas ao público ata a posta en marcha deste proxecto.
As fotografías foron tomadas inicialmente para ilustrar un volume dedicado a Galicia dentro dunha colección editorial sobre España que finalmente nunca chegou a publicarse. Décadas despois, estas imaxes permiten reconstruír a visión que Muller captou dunha Galicia en plena transformación social e económica.
A mostra forma parte do programa de itinerancias expositivas da Fundación Cidade da Cultura e nace a partir da exposición Nicolás Muller. Vento Norte, organizada polo Museo Centro Gaiás en 2023. Tras o seu paso por Vigo, Lugo e Ferrol, onde acumulou máis de 20.000 visitantes, chega agora á Casa de Galicia en Madrid para continuar difundindo o legado do fotógrafo.
Cinco miradas sobre a Galicia dos anos sesenta
O percorrido expositivo estrutúrase arredor de cinco grandes eixos temáticos que reflicten os intereses documentais de Muller e ofrecen unha visión poliédrica da realidade galega da época.
O primeiro deles, O territorio, reúne imaxes que retratan a paisaxe e o medio natural como escenario da actividade humana.
A sección dedicada a O mercado mostra un dos espazos que máis fascinaban ao fotógrafo: os mercados tradicionais, entendidos como centros de intercambio económico, convivencia social e construción comunitaria.
O mar ocupa un lugar central na exposición a través dunha selección de fotografías realizadas principalmente nas Rías Baixas, nas que Muller retrata o traballo e a vida das xentes vinculadas ao sector marítimo.
A mostra dedica tamén un apartado específico ás Mulleres e o traballo, un dos temas recorrentes na obra do fotógrafo, que prestou especial atención ao papel das mulleres nos distintos ámbitos produtivos e sociais.
Finalmente, a sección Urbanismo e modernidade documenta os cambios que estaban a experimentar as principais cidades galegas, reflectindo unha Galicia que avanzaba cara á modernización sen perder os seus sinais de identidade.
Unha mirada actual sobre a obra de Muller
A exposición complétase cunha peza audiovisual realizada por Nicolás Cancio que contextualiza o traballo do fotógrafo e analiza a súa relevancia desde unha perspectiva contemporánea. O audiovisual afonda na figura de Nicolás Muller, no seu método de traballo e nas razóns que o levaron a interesarse por Galicia, ao tempo que reflexiona sobre a vixencia do seu legado documental.
Esta mostra poderá visitarse ata o vindeiro 29 de xullo. De luns a sábado de 10,00h a 14,00h e de 16,00h. a 20,00h e os domingos de 10,00h a 14,00h. Estes horarios poden sufrir modificacións a causa da actividade institucional da Casa de Galicia en Madrid.
.jpg)
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario