O PROXECTO REDE XOVE PECHA O CURSO REFORZANDO O COMPROMISO DO CONCELLO DA GUARDA COA MOCIDADE
Infogauda/A Guarda
Vén de celebrarse a última reunión do curso do proxecto Rede Xove, unha iniciativa de participación xuvenil impulsada pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello da Guarda que busca dar voz á mocidade, recoller as súas inquedanzas e propostas, e achegar ao Concello as necesidades e intereses da xente nova de primeira man.
Rede Xove está formado por un grupo de mozos e mozas comprometidos coa mellora da súa contorna, que traballan para aportar ideas, propoñer solucións e participar activamente na vida do municipio. O proxecto conta co apoio do IES A Sangriña, sendo o alumnado o verdadeiro protagonista desta iniciativa.
Esta acción de participación xuvenil nace co obxectivo de promover cambios e transformacións a nivel local dende unha perspectiva comunitaria, fomentando o diálogo interxeracional e a implicación activa da mocidade nos asuntos que afectan ao seu día a día. Ademais, busca converterse nunha canle de comunicación estable entre a xente nova e a administración local, promovendo unha mocidade máis proactiva á hora de trasladar as súas inquietudes e de implicarse no desenvolvemento das propostas formuladas.
Co remate do curso escolar celebrouse esta última sesión do ano académico, aínda que o proxecto terá continuidade e retomará a súa actividade o vindeiro mes de setembro. Un dos seus principais obxectivos é consolidarse como unha iniciativa interxeracional, na que, ano tras ano, o alumnado que remata os seus estudos deixe paso a novas xeracións que recollan o testemuño e continúen fortalecendo este espazo de participación.
Durante todas as sesións desenvolvidas ao longo do curso, as persoas participantes contaron co acompañamento e asesoramento de Alalá Sociedade Cooperativa. Non obstante, a finalidade do proxecto é que o propio grupo vaia adquirindo progresivamente unha maior autonomía, fortalecendo as súas capacidades para organizarse e desenvolver a súa actividade de forma cada vez máis independente.
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario