18 de maio de 2026

VIGO

A CIG urxe a convocatoria da mesa de negociación do convenio de elaborados do mar 

 A central denuncia que máis dun mes depois de rematar as conversas cun preacordo entre CCOO, UGT e a patronal o texto aínda non foi asinado  


A FGAMT-CIG demanda a convocatoria urxente da mesa de negociación do convenio colectivo estatal de elaborados do mar
Foto:CIG

Infogauda/Vigo 

 A FGAMT-CIG demanda a convocatoria urxente da mesa de negociación do convenio colectivo estatal de elaborados do mar, xa que máis dun mes depois de rematar as conversas cun preacordo entre CCOO, UGT e a patronal o texto aínda non foi asinado. En consecuencia, a central sindical esixe que se aclare o que está a acontecer e denuncia “pasotismo, ocultismo e desprezo” por parte dos sindicatos estatais e do empresariado ao sector. 

 Dende a FGAMT-CIG lembran que o pasado 10 de marzo remataron as negociacións do convenio e dende entón “non temos novas de que se convocara ou se teña pensado convocar a mesa para a sinatura do texto pactado entre CCOO, UGT e a patronal”. Esta situación constitúe un novo “despropósito” no proceso de claudicación dos sindicatos estatais, que en xuño do ano pasado asinaron un acordo económico para desmobilizar o sector que non supuxo ningún avance económico para o persoal. 

 Daquela pactaron tamén que a seguinte xuntanza sería no mes de outubro, pero non houbo reunión até decembro, “e foi porque dende a CIG presionamos para que o encontro tivese lugar canto antes”. Despois desa cita de decembro a seguintes reunións foron un “paripé” e unha “perda de tempo”, sen ningún avance na negociación até o 3 de marzo, “cando en media hora chegaron a un acordo”.  

 Un acordo que, segundo censuran dende a central sindical, mantén a precariedade no sector. “O persoal vai estar cinco anos coas mans amarradas e non vai podere facer nada a pesar de que non hai avances reais en dereitos; as subidas salariais seguen por debaixo do custe real da vida, consolidando a perda de poder adquisitivo; non cambia a clasificación profesional; non limita suficientemente a subcontratación; non existe unha cláusula real de garantía salarial vinculada ao IPC”. Tampouco se incluíu terceira paga, a redución de xornada é de só 8 horas en cinco anos e o incremento do plus de refrixerado é de menos dun euro ao día. 

 “Neste preacordo falta ambición e sobre propaganda. E os actores implicados actúan con pasotismo, ocultismo e desprezo polo sector. Non melloran o convenio e, polo que se ve, non teñen présa por aplicar a vendida que asinaron en marzo, polo que reclamamos a inmediata convocatoria da mesa de negociación para que se aclare que acontece co convenio e os motivos deste desleixo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario