18 de maio de 2026

VIGO

A CIG mantén a folga no metal da provincia de Pontevedra este martes 19 para rexeitar o preacordo de convenio 

 A asemblea de persoas traballadoras decidiu suspender tamén os outros días de paros previstos á espera do que fagan o resto de sindicatos 


O metal da provincia de Pontevedra está chamado a unha nova xornada de folga este martes, 19 de maio 
Foto: CIG

Infogauda/Vigo

 O metal da provincia de Pontevedra está chamado a unha nova xornada de folga este martes, 19 de maio despois de que o persoal do sector que se deu cita na asemblea organizada hoxe pola CIG decidise manter a convocatoria para rexeitar o preacordo de convenio colectivo asinado o pasado venres por CCOO e UGT. No encontro, no que participaron centos de persoas traballadoras, acordouse tamén suspender os paros previstos inicialmente para os días 20 e 21, así como levar a cabo unha manifestación en Vigo que arrincará dende a Avenida de Beiramar ás 10:00 horas e rematará a carón do edificio da Xunta, na praza da Estrela.  

 A CIG agarda que esta xornada de loita sirva para expresar con “claridade e contundencia” o rexeitamento a un preacordo que non responde ás necesidades reais do persoal do sector “e non se corresponde coa forza demostrada nas rúas e nos centros de traballo durante as anteriores folgas”.  

 “O metal de Pontevedra xa deixou claro que non está disposto a aceptar máis cesións nin máis pactos á baixa. A forza da mobilización demostrou nestes días a evidencia de que existe forza suficiente para tombar un acordo que consolida a precariedade e perpetúa as condicións de explotación que padecemos diariamente”, sinalan dende a CIG-Industria.   

 Diante disto, fan un chamamento a participar tanto no paro como na manifestación convocada en Vigo “porque non queremos máis precariedade, nin contratos lixo, nin salarios de miseria. Queremos estabilidade e seguridade nos nosos postos de traballo, condicións laborais dignas, estabilidade, seguridade e saúde laboral real”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario