Uxía Senlle presentará en Tui o concerto “A tecedeira de soños” en homenaxe a Begoña Caamaño
• Será este xoves, 21 de maio, ás 20:00 horas, no Espazo Sociocultural, con entrada libre
Infogauda/Tui
Este xoves, 21 de maio, ás 20:00 horas, o Espazo Sociocultural, da rúa Camilo José Cela, acollerá un concerto especial de Uxía Senlle. Será a “A tecedeira de soños”, unha proposta nova e íntima de Uxía Senlle, que acompañada por Sabela da Cal, acordeón, e Rafa Otero, guitarras, interpretará as cancións dedicadas á súa grande amiga, Begoña Caamaño, homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.
Este ano é un Día das Letras Galegas moi especial para Uxía Senlle. A artista era amiga persoal de Begoña Caamaño e, desa amizade, xurdiu a necesidade de lle render unha homenaxe desde ese vínculo afectivo tan directo. E púxose a iso. Mergullouse nos textos da escritora e xornalista viguesa, revisou os seus dous libros e compuxo os temas para este concerto que ofrece mañá en Tui.
Uxía Senlle (Sanguiñeda – Mos, 1962) é unha cantante galega de gran relevancia a nivel nacional e internacional. Foi recoñecida polo seu traballo de divulgación da poesía galega, renovación da música tradicional e fusión con outras culturas lusófonas. O seu traballo representa un punto de encontro de diferentes culturas. Creou o seu repertorio a través das súas viaxes e intercambios con músicos de Brasil, Portugal, Cabo Verde ou Guinea-Bisáu, como João Afonso, Dulce Pontes, Rui Veloso ou Tito Paris. En corenta anos de carreira lanzou doce discos polos que recibiu, entre outros, o Premio da Crítica Galicia 2016, o Premio ao Mellor álbum de música de Raíz nos Premios de música independente de España 2012 por Meu Canto, seleccionado tamén como Top of the World - que en galego vén sendo Cima do Mundo - pola revista británica Songlines. Tamén creou e dirixiu proxectos colaborativos como Cantos na Maré, Enredadas e De tu casa a la mía.
Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, esta cita con Uxía arredor desta homenaxe á protagonista do Día das Letras Galegas, Begoña Caamaño, é unha ocasión excepcional para achegarnos á voz fermosa e serena de Uxía que cos poemas da súa amiga Begoña Caamaño logra unha fusión de música e literatura de grande calidade e atractivo. Esta actividade forma parte da programación de “Tui en letras” que promove esta concellería de cultura tudense.
Este espectáculo chega a Tui dentro do programa “Falaredes” programa de dinamización do galego da Secretaría Xeral da Lingua dirixido ás entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística. Os seus obxectivos son ampliar a oferta de ocio no noso idioma en todo o territorio de Galicia, promover o uso e a valoración positiva da nosa lingua propia e apoiar os artistas que desenvolven o seu traballo en galego.
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario