MaioMáxico transforma Tomiño: sorteo, rutas máxicas e escaparatismo para dinamizar o comercio local
• A Asociación de Empresarios ADETO lanza unha campaña lúdica para incentivar as compras no municipio coincidindo coa maxia do Festival Miñomáxico
Gonzalo Lomba/Tomiño
O comercio local de Tomiño prepárase para vivir un mes de maio cheo de ilusión e promocións cunha iniciativa que une o consumo de proximidade coa maxia. ADETO, co apoio do Concello de Tomiño e a cofinanciación da Xunta de Galicia, pon en marcha a campaña “MaioMáxico”, unha serie de actividades deseñadas para dinamizar o tecido comercial coincidindo coa celebración do Festival Internacional de Maxia Miñomáxico.
A campaña arrinca o vindeiro 18 de maio e prolongarase ata o 30 de maio, ofrecendo a veciños e visitantes a oportunidade de gozar de promocións, agasallos e espectáculos ao mesmo tempo que apoian ao pequeno comercio da vila.
Rasca e Gaña: gastar 20 euros ten premio
A principal novidade desta edición é a campaña “Rasca e Gaña”. Entre o 22 e o 30 de maio, os clientes que realicen unha compra mínima de 20 euros nos establecementos adheridos recibirán un boleto rasca. No acto, poderán descubrir se gañan algúns dos premios que haberá para os participantes.
Ademais de conseguir premio inmediato, o cliente poderá participar no Concurso de Escaparates, elixindo a decoración máxica favorita, e completar a Ruta Máxica programada para o venres 22 de maio.
Ruta Máxica e maxia ao vivo
O venres día 22 de maio, a maxia sairá á rúa. ADETO organizou un percorrido por varias prazas e rúas do municipio para achegar espectáculos de ilusionismo aos transeúntes.
Esta ruta servirá como antesala do gran festival, permitindo que os comercios locais sexan o punto de partida para explorar a maxia nas rúas de Tomiño.
Concurso de Escaparates e actuación final
Os propios comercios tamén competirán por converterse no máis máxico da vila. Do 18 ao 27 de maio, o público poderá votar polos escaparates que mellor capturen a esencia do ilusionismo. O establecemento gañador será premiado cunha actuación de maxia en directo nas súas instalacións.
A actuación final terán lugar o venres 29 no local distinguido, servindo como peche de ouro a esta primeira experiencia “MaioMáxico”.
Declaracións e obxectivos
Esta acción enmárcase dentro da liña de actuacións de ADETO para fomentar o comercio local. O obxectivo é crear un "caldo de cultivo" máxico que incite os consumidores a descubrir os negocios de Tomiño nun ambiente festivo e diferente.
A campaña conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia e o apoio do Concello de Tomiño, seguindo o modelo exitoso doutras campañas como "Mamá, imos a Tomiño" ou “Ecorresponsables”.
Os comercios xa ultiman os detalles para arrincar a campaña o vindeiro 18 de maio.

Ningún comentario:
Publicar un comentario