NICO MONTES XESTIONA NA DEPUTACIÓN A CONSTRUCIÓN DUNHA SENDA E DA MELLORA DA ILUMINACIÓN EN RIBADELOURO TRAS O ACORDO PLENARIO EN TUI PARA ESTA ACTUACIÓN VIARIA
• O voceiro popular propón a construción de beirarrúas nun treito de 644 metros entre o cruce de San Simón e a igrexa, a dotación de alumeado e unha zona de prioridade peonil nas inmediacións do CRA
• Lembra que hai dez meses aprobouse en pleno que o Concello iniciase os trámites e lamenta a deixadez do goberno local malia a receptividade da Deputación, que remitirá as fichas dos terreos necesarios
O voceiro municipal do PP de Tui, Nico Montes, nun encontro coa deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, e persoal técnico da Deputación de Pontevedra
Foto: GMPP
Infogauda/Tui
O voceiro municipal do PP de Tui, Nico Montes, vén de xestionar na Deputación de Pontevedra, nun encontro coa deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, a execución dunha mellora integral de seguridade viaria na estrada provincial EP-2502 ao seu paso por Ribadelouro que consistiría na construción dunha senda peonil e na mellora da iluminación pública.
O concelleiro popular lembrou que hai dez meses, en xullo do ano pasado, debateuse no pleno de Tui unha moción do PP reclamando esta obra que contiña como acordos a xestión por parte do Concello dos terreos necesarios para a súa execución e a solicitude da mesma á Deputación previa posta a disposición das citadas parcelas.
Sen embargo, desde o PP local lamentaron que o goberno de Enrique Cabaleiro, malia que a proposta plenaria saíu aprobada por unanimidade, non se fixera ningunha xestión nin se iniciasen os trámites para a consecución de terreos, polo que os populares tudenses, a través de Nico Montes, decidiron tomar a iniciativa xa que esta mellora é moi demandada polos veciños ante o elevado tráfico da zona, o importante tránsito peonil con ausencia de beirarrúas e a proximidade dun colexio público.
A proposta consiste na construción dunha senda de 644 metros cunha anchura de 2,5 metros entre os puntos quilométricos 2+140 e 2+804 da citada EP-2502, que quedaría un carril de 6,2 metros e ao que se incorporaría unha zona de prioridade peonil nas inmediacións do Colexio Rural Agrupado (CRA) e un paso de peóns sobreelevado para favorecer a seguridade actuando como medida de calmado de tráfico. A maiores, o proxecto se completaría coa dotación dunha mellora importante no alumeado público.
Tras o encontro na Deputación, Nico Montes informou de que a receptividade do organismo provincial para realizar esta actuación é “máxima” e incluso anunciou que, nos próximos días, remitirán ao Concello as fichas dos terreos necesarios para a súa correcta execución. Neste senso, o voceiro popular advertíu de que, sen a implicación do Concello de Tui na consecución da superficie necesaria para a senda será imposible acometer esta obra de seguridade viaria, polo que instou ao executivo socialista a “poñerse a traballar de inmediato para aproveitar esta gran oportunidade”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario