FEMUPO impulsa unha nova edición do Proxecto Ás
• Para formar a 20 mulleres no manexo profesional de drons
Raquel Touriño Casal / Pontevedra
A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) pon en marcha unha nova edición do Proxecto Ás, unha iniciativa innovadora que permitirá formar este ano a 20 mulleres da provincia de Pontevedra no manexo profesional de drons, grazas ao financiamento da Deputación de Pontevedra.
Tras o éxito acadado nas edicións anteriores e a elevada demanda rexistrada, FEMUPO reforza este programa co obxectivo de seguir promovendo a igualdade de oportunidades e facilitar o acceso das mulleres a sectores tecnolóxicos emerxentes, onde a presenza feminina continúa sendo minoritaria.
O proxecto ofrece unha formación gratuíta e oficial de operadora de UAS nas categorías A1/A3 e A2, cun total de 24 horas de duración, combinando contidos teóricos, formación práctica e exame oficial. As clases desenvolveranse en modalidade presencial na cidade de Pontevedra.
Ademais da formación especializada, as participantes que superen os exames recibirán un dron de agasallo, co obxectivo de facilitar a continuidade da práctica e favorecer futuras oportunidades laborais ou de emprendemento.
“O Proxecto Ás naceu coa intención de abrir portas e crear referentes femininos no ámbito tecnolóxico. O éxito das edicións anteriores demostra que existe interese, capacidade e moito potencial entre as mulleres da nosa provincia”, destacan desde FEMUPO.
A iniciativa busca non só capacitar tecnicamente ás participantes, senón tamén fomentar o empoderamento feminino e a confianza das mulleres en profesións tradicionalmente masculinizadas, vinculadas á innovación e ás novas tecnoloxías.
As prazas son limitadas e o prazo de inscrición xa está aberto a través do seguinte formulario: https://forms.gle/G4JVgwXX9NB3XzaH6
O Proxecto Ás está impulsado por FEMUPO coa colaboración da Deputación de Pontevedra, dentro do compromiso compartido por promover a igualdade real e efectiva e mellorar a empregabilidade das mulleres da provincia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario