8 de maio de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés quítase a espiña do Beti-Onak e avanza a semifinais da Copa (23-27) 

O equipo baixomiñoto impúxose este venres ante o Replasa Beti-Onak nos cuartos de final da XLVII Copa da Raíña, desfacéndose da decepción vivida o ano pasado contra o mesmo rival e na mesma eliminatoria  

A primeira parte apuntaba a superioridade navarra, ata que a reconfiguración do ataque cara a unha estratexia a sete permitiu ao Guardés tomar a dianteira, que ampliou na segunda parte ata chegar a ter cinco goles de vantaxe 

Os seis goles de Ania Ramos, MVP, foron a parte máis salientable dun ataque moi compensado e ben definido, mentres as nove paradas de Amandine Balzinc evitaron recuperacións do rival que poderían ser clave 

O Mecalia xogará este sábado ás 16.15 horas o partido de semifinais ante o Rocasa Gran Canaria, clasificado tras vencer ao KH-7 Granollers. As outras semifinais, entre o Elda e o gañador do Bera Bera – Aula desta tarde 


María Sancha, capitá do Mecalia Atlético Guardés, festexando a vitoria coas compañeiras de equipo e cos seareiros desprazados a Donostia

Fotos: RFEBM



Redacción Deportes / Donostia

 O Mecalia Atlético Guardés supera o primeiro reto e respira. As de Ana Seabra comezaron con bo pé este venres a súa andaina na XLVII Copa da Raíña, ao impoñerse nuns cuartos de final que ameazaban con traer recordos da decepción vivida o ano pasado. Contra o mesmo rival e na mesma eliminatoria, esta vez o equipo baixomiñoto foi superior ao Replasa Beti-Onak grazas a un ataque a sete que lle deu marxe para manobrar despois de vivir unha primeira parte máis ben a remolque. Tras irse ao descanso liderando pola mínima (9-10), as guardesas gañaron confianza na segunda metade e chegaron a soster cinco goles de vantaxe, para pechar o marcador final cun 23-27 que lle outorga o ansiado pase a unhas semifinais copeiras que xogará este sábado ás 16.15 horas ante o Rocasa Gran Canaria. Os seis goles de Ania Ramos, escollida MVP (que en galego significa Xogadora Máis Valiosa) do encontro, e as nove paradas de Amandine Balzinc, os datos máis salientables dun Guardés moi equilibrado a pesar de dar descanso a varias das súas xogadoras neste partido.

 

Ania Ramos, escollida MVP do encontro, recibindo o trofeo correspondente, que foille entregado por dúas representantes da Real Federación Española de Balonmano

 

 O primeiro gol destes cuartos de final copeiros chegou da man de Cecilia Cacheda, que executaba o primeiro ataque guardés dous minutos tras o inicio. Os acertos apuntaban a estar moi cotizados neste partido, onde ambos os equipos saíran á pista ofrecendo unha dura defensa, polo que o da lalinense foi o único gol do primeiro parcial de cinco minutos (0-1, min. 5).  

 Pero as navarras responderon con contundencia, tomando a dianteira cun parcial 3-0 conseguido a base de pecharse en banda nesa férrea protección da súa portería e de aproveitarse dos pases forzados do Guardés, que lles cederan xa tres balóns (3-1, min. 7).  

 Custoulle ao Mecalia responder uns minutos de seca, e fíxoo da man do primeiro sete metros lanzado por María Sancha. A defensa das de Villava seguía sendo implacable e facía imposible sequera achegarse á rede de Patri Encinas, polo que o equipo baixomiñoto debería inventarse algo se quería facerse notar no luminoso. Pola súa banda, as perdas seguían pesando e daban ás a un rival que se encamiñaba ao ecuador desta primeira parte liderando (5-2, min. 11). 

 Aínda quedaba moito tempo por diante, e moito que dicir tamén. Aos poucos, as de Ana Seabra foron atopando o seu sitio sobre a pista e, da man dunha Amandine Balzinc que encadeaba salvada tras salvada así como dun reaxuste ofensivo que comezaba a obter resultados, foron chegando os goles galegos para apertar as cousas (5-4, min. 15).  

 Pero avanzaba o encontro e non conseguía desandar o oco por completo o Guardés, sen atopar aínda a clave para desbloquear o camiño cara á portería rival, á vez que continuaba cometendo erros non forzados que cedían balóns crave para o resultado. Temeuse o peor Ana Seabra e solicitou o primeiro tempo morto do encontro para reestruturar ás súas. Ao regreso, o novo ataque a sete deu os seus froitos da man dun rexeite aproveitado por África Sempere (8-6, min. 22). 

 A fórmula Seabra parecía funcionar, aos poucos, pero facíao. Poñer toda a carne no asador foi a clave e grazas a ese ataque insistente o Mecalia logrou, por fin e a base de poñer en apreixos a un Beti-Onak que cometía agora perdas importates, empatar o encontro por primeira vez desde o inicio (9-9, min. 27). Era Exteberria o que pedía, ao bordo do descanso, parar o crono coa esperanza de frear a crecida guardesa.  

 Con todo, non produciu efecto o toque de atención, senón que deu ao rival baixomiñoto unha nova oportunidade para anotar o último gol antes do descanso e o terceiro deste parcial 0-3 ao seu favor para irse aos vestiarios liderando, por fin, e máis importante aínda, coa confianza de que podería ser capaz de sacar o encontro adiante de novo intacta (9-10, min. 30). 

 Renovou a contenda Ania Ramos cun novo acerto desde o extremo que comezaba a facer soñar ás súas, seguido pola oitava parada dunha Amandine Balzinc que estaba a ser un dos nomes do encontro. E aínda que unha breve recuperación rival provocada por un par de detalles ameazou con baixar ao Mecalia da nube, a extremo palentina tomoullo de xeito persoal e encadeou outros dous novos canóns en contragolpes para certificar o liderado con acento do Baixo Miño. Cacheda rematou a faena e un novo 0-3, que levaba estes cuartos de final a un panorama ben diferente (12-15, min. 36), aínda que con todo por decidir aínda.  

 Non se quería despegar do ritmo de xogo o equipo navarro, desexoso de desfacer esa renda para recuperar as sensacións dunha primeira parte que lembrou moito aos cuartos de final da pasada edición. E por momentos lograban achegarse as de Etxeberria, aínda que sen lograr asinar máis que unha distancia mínima (16-17, min. 42), a cal era suficiente para manter en alerta a un Guardés que seguía nos seus trece e dando a talla (16-19, min. 45). Por diante, un cuarto do encontro e apenas tres goles de diferenza que poderían desaparecer nun amén, algo que todos os presentes en Illunbe sabían.  

 O ritmo cardíaco acelerábase a medida que pasaban os minutos e a defensa branquiazul esgotaba os pases baixomiñotos. Pero a misión xa estaba na mente das de Ana Seabra e todo o equipo coordinábase á perfección para avanzar cara a ela. O ataque funcionaba engraxado e a defensa empeñábase en xerar erros das navarras, e con todo iso contribuíndo, quedaban algo menos de dez minutos cando Sempere conseguía levar a vantaxe aos catro goles, a máxima de todo o partido (19-23, min. 50).  

 A pesar da emoción, todo seguía no aire e un novo parcial 3-1 obrigou ao Guardés para poñer os pés na terra e non confiarse no pouco, e á vez, moito tempo que restaba de xogo aínda (22-24, min. 53). Coa mesma intención paraba o tempo por segunda vez Ana Seabra, planeando unha reacción que Sancha materializou nada máis renovarse o partido, e que a compactación de toda a defensa seguiu ao pé da letra para frear a un Beti moi capaz de ter a última palabra (22-25, min. 55). 

 Pero estaban de doce as galegas, que seguían ao seu a base dun traballo ofensivo liderado por Cecilia Cacheda que non atopaba máis rival que as paradas de Patri Encinas, oito en total e vitais para dar aire ao Beti-Onak en máis dunha ocasión en que o necesitaba. Aire que, doutra banda, non foi suficiente: Carme Castro primeiro, e Blazka Hauptman despois, seguiron o camiño iniciado pola capitá guardesa para sentenciar a clasificación a falta de dous minutos (22-27, min. 57). Nin o tempo morto de Miguel Exteberria nin o gol final de Kelly Fonkeng evitaron o pase a semifinais dun Mecalia que por fin se quitou a espiña do ano pasado e segue avanzando nun dos soños da tempada. O próximo chanzo do camiño, este sábado ás 16.15 horas ante un Rocasa Gran Canaria que promete non poñelo nada sinxelo. A outra semifinal protagonizarana ás 18.45 horas o gañador do choque Bera Bera – Aula que pecha esta primeira xornada e o Elda Prestixio, xa clasificado.              

Replasa Beti-Onak (9+14): Kelly Fonkeng (2), Mica Casasola (1), Graciela García, Lucía Zamora (1), María Brasil (1), Isa Fernández-Agustí (4), Aileen Ripa, Olaia Luzuriaga (p.), Macarena Sans (6), Almudena Gutiérrez (1), Libe Arruabarrena, Patricia Encinas (p.), Laida Urbitarte (1), Nerea Canas (5) e Mariana Costa (1). 

Mecalia Atlético Guardés (10+17): Sabina Mínguez (p.), África Sempere (4), Jazmín Mendoza, Blazka Hauptman (3), Lorena Téllez, Cecilia Cacheda (3), María Palomo (1), Rosane Serrano, Elena Martínez (2), Cristina Cifuentes, Carme Castro (4), Nerea Gil, Ariana Portillo, María Sancha (3), Ania Ramos (6), Amandine Balzinc (p.).   

Marcador cada cinco minutos: 0-1, 3-1, 5-3, 7-5, 8-7, 9-10, 12-14, 14-16, 16-18, 19-22, 22-25, 23-27. 

Árbitros: Miquel Florenza e Jordi Ausas. Amoestaron con cartón amarelo á local Almudena Gutiérrez e excluíron con dous minutos ás locais Kelly Fonkeng, Isa Fernández-Agustí e Almudena Gutiérrez e ás visitantes Blazka Hauptman, África Sempere e Carme Castro. 

Incidencias: Partido de cuartos de final da eliminatoria da XLVII Copa de S. M. A Raíña, disputado na praza de touros de Illunbe – Donostia Area (San Sebastián). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario