A Deputación pon en valor o próximo xoves en Mos a figura de Corona González Santos, fotógrafa e filántropa
O faladoiro forma parte do programa provincial Aquí faltan páxinas, e terá lugar o xoves 21 de maio ás 19:00 horas no Pazo de Mos
Infogauda/Mos
O Pazo de Mos acollerá o vindeiro xoves, 21 de maio, ás 19:00 horas, un novo faladoiro da terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, impulsado pola Deputación de Pontevedra para rescatar historias de mulleres que non adoitan ser contadas. Nesta ocasión a protagonista será Corona González Santos, fotógrafa e filántropa. Os asistentes ao faladoiro terán a oportunidade de coñecer aspectos da súa vida da man de Celia Castro, catedrática do Corpo Superior de Ensinanzas Artísticas e doutora en Humanidades pola Universidade de Santiago de Compostela, que estará acompañada da deputada de Igualdade, Paula Bouzós.
O faladoiro centrarase na figura de Corona González Santos, nada a finais do século XIX e vencellada a Mos e ao Porriño, que destacou polo seu compromiso social e por ser unha das primeiras fotógrafas afeccionadas en Galicia. As súas fotografías teñen un marcado carácter costumista e hoxe parte do seu arquivo está a ser recuperado para devolverlle o lugar que merece na memoria colectiva. No Museo de Pontevedra consérvanse máis de 120 copias realizadas directamente a partir de placas que están en poder da familia e que permitiron coñecer e poñer en valor a súa obra fotográfica.
Xunto co seu marido, Ramón González, implicouse en causas benéficas e culturais. Deste xeito, como filántropa deixou unha profunda pegada tanto en Mos como en Ribadeo e O Porriño. Neste último concello, a súa principal contribución foi o consistorio, encargado en 1921 a Antonio Palacios.
A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros. Tralos xa desenvolvidos sobre as alfombristas, Juaniña do Porriño, Concepción Pérez Iglesias, as Nais contra a Droga, as mulleres de Gargamala, Marisol Soengas, Matilde Vázquez e Rita Fernández Queimadelos, ao de Corona González seguiranlle outros nos que se narrarán as historias das mulleres do mundo do viño, da cineasta Cruz Risco e das primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar.


Ningún comentario:
Publicar un comentario