19 de maio de 2026

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

“Concertos nas Parroquias!” levará a música en directo á Casa de Montes de Camposancos

 Este sábado, 23 de maio, ás 20:00 horas


Banda de música da Agrupación Musical de A Guarda
Foto: Infogauda

Infogauda / Camposancos

 A Agrupación Musical de A Guarda continúa a súa aposta por achegar a música e a cultura a todos os recunchos do municipio coa celebración dunha nova cita - á última desta edición - do ciclo “Concertos nas Parroquias!”, unha iniciativa que busca converter os distintos espazos parroquiais en puntos de encontro arredor da música en directo.  

 A actividade conta coa colaboración do Concello de A Guarda e da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos, entidades que volven sumar esforzos para impulsar unha programación cultural próxima á veciñanza e aberta á participación de públicos de todas as idades.  

 Nesta ocasión, a banda de música da Agrupación Musical de A Guarda actuará o vindeiro sábado, 23 de maio, ás 20:00 horas, na Casa da Comunidade de Montes de Camposancos. O concerto permitirá ao público desfrutar dun repertorio variado, preparado especialmente para esta ocasión, combinando pezas de diferentes estilos e épocas nun formato pensado para compartir e vivir a música dun xeito próximo e familiar.  

 O ciclo “Concertos nas Parroquias!” naceu tamén coa intención de reforzar os vínculos entre a Agrupación Musical de A Guarda e os distintos núcleos da vila, levando a actividade cultural máis alá dos espazos habituais e favorecendo a convivencia veciñal arredor da música. A iniciativa converte cada actuación nun encontro social e cultural no que a música serve como elemento de unión entre xeracións.  

 Desde a Agrupación Musical de A Guarda animan á veciñanza de Camposancos e do resto do municipio a asistir a esta nova cita musical, de entrada libre, e a seguir apoiando iniciativas culturais que contribúen a dinamizar a vida social das parroquias e a poñer en valor o traballo realizado polas entidades culturais locais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario