18 de maio de 2026

DEPORTES

PIRAGÜISMO

O TEIXUGO MANU OCHOA DOMINA NO CAIAC CROSS ESPAÑOL 


Medalla de ouro para o tomiñés Manu Ochoa - no centro -, na II Copa de España. Aí vémolo compartindo podio co catalá Manel Contreras e o vasco Marquel Imaz

Medalla de prata e subcampionato de España para o galego de Tomiño, Manu Ochoa - a esq. - a quen vemos compartindo podio co catalá Manel Contreras e o vasco Aritz Fernández 

Informa (fotos/redacción): Rosa Fernández Carrera 

 A pasada fin de semana, a localidade francesa de Pau, concentrou a elite do caiac cross español coa disputa da II Copa de España no sábado e o Campionato de España no domingo. Deportistas das categorías cadete, júnior e sénior mediron as súas forzas na canle francesa. As probas comezan cunha contra reloxo, na que os dezaseis mellores tempos conseguen praza nos enfrontamentos. 

 Nesta competición o Club Deportivo Miño-Teixugos levou a dous deportistas, Manu Ochoa, en sénior masculino e Nerea Álvarez, en cadete feminino.  

 Manu Ochoa comezou o sábado coa contra reloxo, na que rematou segundo, superado solo polo segoviano David Llorente. Nos enfrontamentos gañou cuartos de final, semifinais e tamén se impuxo nas finais, gañando con moita claridade as súas series. Medalla de ouro para o tomiñés na segunda Copa de España, compartindo podio co catalá Manel Contreras e o vasco Marquel Imaz. O domingo disputouse o Campionato de España, Manu impúxose con claridade na contra reloxo, gañou cuartos de final e semifinais, e xa nas finais un erro nunha porta, cando ía camiño de impoñerse en todas as series,  fixo que rematara segundo, por detrás do catalá Manel Contreras e por diante do vasco Aritz Fernández. Medalla de prata e subcampionato de España para el.  

 Estas dúas competicións supoñen o punto final da liga española de caiac cros na que Manuel Ochoa se confirmou como gran especialista na modalidade, dominando todas as series disputadas nas dúas Copas de España e no Campionato, a excepción da última. A partir de agora Manu fará fronte as probas internacionais como membro do equipo español de caiac cross.  

 Nerea Álvarez, na súa primeira tempada na modalidade cadete, conseguiu o sábado superar a contra reloxo, cunha boa baixada nunha canle moi complicada, nos enfrontamentos caeu en semifinais. O domingo, no campionato de España, non foi quen de superar a contra reloxo.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario