20 de maio de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Á venda as entradas para a fin de semana do ano na Sangriña 

Xa están á venda as entradas para os dous grandes eventos que o pavillón guardés acollerá esta fin de semana: o Sector Nacional do equipo cadete feminino do Mecalia Atlético Guardés e a final da EHF European Cup 

Para a gran final polo título continental do domingo, a entrada xeral para non abonados será de 30 euros, fronte aos 15 para abonados do Club 

Pola súa banda, o Sector Nacional ofrece un bono de tres días a 15 euros ou ben unha entrada diaria por 6 euros 

A oferta adicional, dispoñible para abonados do Guardés que queiran asistir ao Sector cadete, así como para os pais dos equipos visitantes desa competición que queden a ver a final europea, ofrece prezos reducidos de 10 e 15 euros respectivamente 




Redacción Deportes/A Guarda 

 O Club Balonmán Atlético Guardés quere encher A Sangriña no que será a súa fin de semana do ano. Desde onte martes están á venda as entradas para os dous grandes eventos que poñerán colofón á tempada deportiva do pavillón baixomiñoto: o Sector Nacional no que as cadetes competirán por entrar entre os oito primeiros equipos de España, que terá lugar este venres 22, sábado 23 e domingo 24; e a final da EHF European Cup, na que as de Ana Seabra loitarán por deixar en casa o segundo título da historia do Club e o primeiro trofeo continental para un equipo galego, o domingo ás 19.00 horas. As entradas poden adquirirse xa na oficina polas tardes e a través da plataforma en liña Cluber, alén de no despacho de billetes do pavillón na previa de cada encontro. 

 O Mecalia vive a súa semana fantástica e a expectación pálpase en cada rúa da Guarda. O equipo baixomiñoto ten nas súas mans a oportunidade de pechar o vindeiro domingo, así como esta tempada, con dous fitos históricos para o deporte guardés e galego no seu conxunto, que se refiren tanto á súa base como ao seu equipo de elite.  




 En primeiro lugar, este venres 22 será a primeira xornada dun Sector Nacional cadete feminino organizado polo propio club baixomiñoto, e no que as de María Doiro competirán contra outros tres conxuntos procedentes de toda España por finalizar en primeiro posto, o que significaría entrar no top 8 do Campionato Cadete estatal e seguir avanzando cara á historia. Algo que non sucedeu nunca antes e que poñería á base guardesa, de novo, no mapa do balonmán español e competindo con maior seriedade por un título importantísimo para o seu crecemento deportivo, que poñería ademais a guinda do pastel a unha tempada de grandes progresos.  

 Así, durante tres xornadas as cadetes recibirán ao BM Xixón, o EMD Aceuchal e o Vicapal BM Palencia, tres equipos de fóra que esperan convocar á súa propia afección e contribuír á afluencia nun pavillón que será o lugar de moda esta fin de semana. Os asistentes ao Sector poden adquirir xa dous tipos de entradas: un bono para os tres días por 15 euros ou unha entrada diaria para cada unha das xornadas, por 6 euros. Ambas as están xa dispoñibles, aínda que só en formato físico no pavillón baixomiñoto entre semana en horario de 17.00 a 20.00 horas ou ben en despacho de billetes unha hora antes de cada un dos encontros.  

 Ademais, a entidade baixomiñota quixo ter un detalle cos pais e acompañantes dos equipos cadetes visitantes, de xeito que estes poderán acceder a unha oferta especial: en caso de querer asistir tamén á final da EHF European Cup, accederán a un prezo reducido para ambos os eventos, de 10 euros o bono do Sector e 15 euros o encontro continental. 




 E é que a ocasión non é para menos, pois máis dun non quererá perder a oportunidade de vivir un partido histórico non só para o Mecalia Atlético Guardés, senón para todo o deporte e balonmán galegos no seu conxunto. As de Ana Seabra xóganse este domingo ás 19.00 horas nada menos que levantar o segundo título da súa historia, e o primeiro de cor europea para un equipo galego, na volta da final da EHF European Cup á que chegan con catro goles de vantaxe sobre o rival, MSK IUVENTA Michalovce de Eslovaquia.  

 Outro acontecemento que ten en expectativas a toda A Guarda e para o cal tamén se poden adquirir xa as entradas. Como nas eliminatorias continentais anteriores, os prezos varían segundo o tipo de afeccionado, así, o entrada xeneral para os non abonados será de 30 euros, e pode adquirirse xa en Cluber, na oficina do pavillón polas tardes ou o domingo desde as 18.00 horas en despacho de billetes. Do mesmo xeito, a venda en liña unicamente está dispoñible para este caso, pois a plataforma non permite facer distinción entre non abonados e abonados ao Club. 

 Estes últimos, de novo, desfrutarán dun prezo reducido de 15 euros, recollendo as súas entradas ben na oficina entre semana ou ben o sábado en despacho de billetes. Unicamente permítese unha entrada por abonado e sempre presentando o seu carné, alén de que só están dispoñibles de xeito físico. E ademais, a oferta proposta polo Guardés aos pais visitantes polo Sector Cadete tamén aplica a eles, á inversa: os abonados con entrada para a final europea que queiran asistir ao Sector Cadete poderán comprar o seu bono de tres días polo prezo reducido de 10 euros.  

 Polo demais, os socios de número, como ocorrera nas outras ocasións, si teñen incluído o encontro na súa subscrición ao Club, polo que non terán que pagar entrada este sábado. Con todo, de novo, deberán recoller a súa invitación para poder acceder, xa sexa durante a semana na oficina ou o mesmo sábado en despacho de billetes. 

 Os menores de 13 anos, independente de se son abonados ou non, terán entrada gratuíta ao partido, como é habitual tamén nos encontros de Liga.

Táboa de entradas:

Sector Nacional Cadete Feminino

Tipo de entrada

Prezo

Oficina

Portelo

Cluber

Bono tres días

15 euros xeral

Non

Diaria

6 euros / día

Non

Bono tres días + final europea

10 euros  + 15 euros (SÓIO pais visitantes)

Sí, ligazón privada

 

Final EHF European Cup

Tipo de entrada

Prezo

Oficina

Portelo

Cluber

Non abonado

30 euros xeral

Abonado

15 euros xeral

Non

Socios

Gratis, pero con invitación

Non

Sub13

Gratis

-

-

-

Final + bono Sector Cadete

15 euros + 10 euros (SÓIO abonados Club)

Non

 

 Aínda que a maioría de tipos de entrada poden recollerse o sábado en despacho de billetes, o Club agradece que, na medida do posible, os afeccionados recorran á venda anticipada e adquiran as súas entradas na oficina ou na venda en liña para liberar o despacho de billetes todo o posible durante a fin de semana e asegurar un acceso puntual ao pavillón. 

 Ademais, o Club quere asegurarse un ambiente festivo para este peche de tempada na Sangriña, polo que tamén chama á afección para asistir á previa e o postpartido no pavillón en colaboración coa pena de afeccionados O Inferno. Así, entre o venres, sábado e domingo haberá gastronetas, inchables, música, un polbeiro e todo un programa de actividades que terá colofón co recibimento ao primeiro equipo o domingo ás 17.30 horas xusto antes da gran final europea. O atractivo, como cada día de partido, tamén se centra na cantina: Robert ofrece tapas de arroz a 8 euros, churrasco a 10 euros e polbo a 18, para as cales xa se poden comprar tickets no propio establecemento ou no bar O Pescador. 

 En definitiva, unha fin de semana deportiva para non esquecer na Guarda, cuxa importancia se intúe tan só con darse un paseo pola vila, decorada con bandeiras, bufandas e camisetas do equipo. E, sobre todo, o peche perfecto para unha tempada que, pase o que pase nestes partidos decisivos, irá directa cun marcador especial aos anais da historia do Club.

Ningún comentario:

Publicar un comentario