18 de maio de 2026

A GUARDA

A GUARDA CONVERTERASE NO EPICENTRO DOS ÚLTIMOS AVANCES  NA LOITA CONTRA A ACACIA 

  Especialistas de Galicia e Portugal reuniranse na Guarda nun encontro que aspira a converterse nun foro de referencia arredor dos últimos avances e da vangarda das estratexias de control da acacia

• Compartindo experiencias, investigación e novas ferramentas para facer fronte a unha das especies invasoras que máis ameaza os nosos montes



Noé Ferreira/A Guarda

 A Guarda converterase o vindeiro 13 de xuño nun dos principais puntos de encontro arredor dos últimos avances na xestión e control da acacia coa celebración da “I Xornada de xestión e control da acacia”, organizada pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Guarda, que vén de facer público o programa da actividade e abrir o prazo de inscrición. 

 A xornada reunirá persoal investigador, comunidades de montes e representantes da administración para abordar un dos principais problemas ambientais e forestais que afectan actualmente aos montes da comarca e boa parte do territorio galego. 

 Organizada coa colaboración do Concello da Guarda, ANABAM e A Jalleira, a actividade contará coa participación de especialistas da Universidade de Vigo, a Universidade de Coimbra e o Instituto Politécnico de Coimbra, ademais da experiencia práctica das comunidades de montes de Camposancos e Teis e dun técnico especialista no control da acacia do Distrito Forestal XVIII Vigo - Baixo Miño.




 O programa permitirá coñecer distintas estratexias de control desde tres perspectivas complementarias: a investigación científica, a xestión directa sobre o territorio e a visión da administración. A xornada rematará cunha visita técnica de campo para coñecer experiencias reais de control biolóxico mediante o pastoreo extensivo e a introducción de axentes de control como o insecto Trichilogaster acaciaelongifoliae. 

 Desde a Comunidade de Montes da Guarda destacan que esta iniciativa pretende converterse nun espazo de referencia para compartir coñecemento, experiencias e novas ferramentas fronte á expansión dunha especie invasora que representa actualmente un dos maiores desafíos para a conservación e xestión do monte. 

 A asistencia será libre e gratuíta, aínda que a organización solicita inscrición previa por motivos organizativos. 

 O formulario de inscrición está dispoñible na seguinte ligazón:

  https://forms.gle/ZvZGrY8qYyaH84387

Ningún comentario:

Publicar un comentario