ARRANCA A PROGRAMACIÓN DA 6ª EDICIÓN DE A GUARDA DIVERSA COS OBRADOIROS “RACHANDO COS MARCOS: EDUCACIÓN PARA A DIVERSIDADE”
• A primeira sesión celebrouse xa no IES A Sangriña e as próximas terán lugar nos centros PP Somascos e Carmelitas durante o mes de xuño
• A iniciativa está dirixida ao alumnado de 1º da ESO e busca fomentar o respecto á diversidade e a creación de espazos seguros nas aulas
Infogauda/A Guarda
O Concello da Guarda xa deu comezo á programación da VI edición da Guarda Diversa coa posta en marcha dos obradoiros “Rachando cos marcos: educación para a diversidade”, unha proposta educativa destinada ao alumnado de 1º da ESO dos centros educativos da vila.
A primeira das sesións celebrouse o pasado 11 de maio no IES A Sangriña, mentres que as seguintes actividades terán lugar o 8 de xuño no colexio PP. Somascos, e o 9 de xuño no colexio Carmelitas.
Os obradoiros, de carácter participativo, abordan cuestións relacionadas coa diversidade afectivo-sexual e de xénero, promovendo a reflexión crítica arredor dos estereotipos, os prexuízos e a convivencia nos centros educativos.
A actividade enmárcase dentro da programación da VI A Guarda Diversa, iniciativa municipal orientada á sensibilización e promoción da igualdade e do respecto á diversidade a través de diferentes accións educativas, culturais e sociais. Ademais dos obradoiros tamén está incluída nesta programación a proxección dun filme que terá lugar no mes de xullo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario