4 de abr. de 2026

TURISMO

A Xunta traduce a guía ‘Galicia en ruta’ a seis novos idiomas nunha maior internacionalización do destino 

 O manual sumará en próximas datas as edicións en seis novos idiomas que permitirán conquistar os mercados europeo e norteamericano 

 Este novo produto presentado en Fitur 2026 propón 12 itinerarios para coñecer a comunidade


Vista desde o Monte Santa Trega, no concello de A Guarda (Pontevedra)
Foto: Infogauda

Infogauda / Galicia

 Turismo de Galicia está a traballar na elaboración dunha proposta que garante que a oferta turística do deste destino chegue ao maior número de mercados internacionais. Para isto, a Xunta traducirá a guía do seu producto turístico ‘Galicia en ruta’ en seis novos idiomas nas próximas datas, co obxectivo de converterse nun referente para a organización das visitas á comunidade.  

 Este manual presenta 12 itinerarios distintos, mediante os que estruturar as estancias en función dos días dispoñibles, as zonas de partida ou os recursos que se queren visitar. Editado inicialmente en castelán e presentado en Fitur 2026, a guía está a piques de presentar as versións en galego e en inglés, mentres que proximamente se traducirá ao portugués, francés, alemán e italiano.  

 Cunha ampla extensión e recursos fotográficos que acompañan o texto, a guía inclúe propostas de destinos a través dos que coñecer os recursos singulares da comunidade: desde o patrimonio arquitectónico e cultural ás paisaxes, a etnografía, as festas de interese ou a enogastronomía, de tal modo que cada persoa poida adaptar a súa viaxe e organizar a súa propia experiencia de Galicia.  

 Así, entre a ducia de percorridos dispoñibles, propóñense tres rutas nas que visitar os principais destinos da comunidade en oito, cinco e tres días. Outros sete itinerarios toman como punto de partida as sete principais localidades de Galicia. Ademais, preséntanse dúas rutas polas fronteiras da comunidade, unha centrada no litoral e outra no límite oriental.  

Por duración 

 Tres das rutas que se inclúen na guía estrutúranse en función do tempo dispoñible para coñecer a comunidade, tomando como punto de partida distintas localidades para percorrer algúns dos principais recursos en materia de patrimonio natural, cultural e gastronómico.  

 Así, o itinerario de oito días arranca no Cebreiro para finalizar en Monterrei, tomando como orixe ou destino as sete principais localidades de Galicia. A ruta de cinco días comeza tamén no Cebreiro e sintetiza parte do percorrido para rematar no Miradoiro de Soutochao. Pola súa banda, a de tres días organízase arredor das cidades de Santiago, A Coruña, Pontevedra e Ourense e propón unha serie de visitas pola costa atlántica e polo interior, rematando en Parada de Sil.  

Rutas radiais 

 A guía propón tamén unha serie de itinerarios radiais, tomando como centro sete das principais localidades de Galicia, coa idea de que estas sirvan como base de operacións a partir das que organizar excursións dun día mediante as que coñecer o territorio.  

 Así, na provincia da Coruña sitúanse tres localidades base. Ferrol é a base dun itinerario polas zonas de Ferrolterra e Ortegal, sinalado por longas praias, acantilados, faros e vilas mariñeiras. A Coruña é o punto de saída para a ruta As Mariñas-Eume, que visita de Culleredo a Mugardos, así como a que percorre os principais recursos turísticos da Costa da Morte. Pola súa banda, Santiago de Compostela presenta catro propostas de xornadas dun día, a través dos que achegarse a destinos tan distintos como Fisterra, O Barbanza, a zona de Melide ou Deza-Tabeirós.  

 Dúas das propostas de localidade base están na provincia de Pontevedra. Da cidade do mesmo nome parte unha ruta que leva a coñecer a península do Morrazo, Vilaboa e Soutomaior. Pódese tamén optar polo percorrido polo Salnés e Caldas, mediante o que visitar o norte da ría de Pontevedra, a de Arousa e parte do interior da provincia.  

 Ao sur da provincia, Vigo eríxese como punto de partida para coñecer as illas Cíes; percorrer a costa sur da provincia ata a desembocadura do Miño polas comarcas do Val Miñor e o Baixo Miño; ou remontar o río cara o Condado-Paradanta.  

 Ourense é o centro desde o que realizar excursións á Ribeira Sacra; á zona de Celanova e a Baixa Limia; O Ribeiro e O Carballiño; A Arnoia, a Limia e Monterrei; ou a zona máis oriental da provincia, nun itinerario polas terras de Caldelas e de Trives, Valdeorras e O Bolo. Lugo, pola súa banda, postúlase como localidade de saída cara as zonas da Mariña; A Terra Cha e a comarca lucense; Os Ancares; O Courel; e o Camiño Francés.   

 ‘Galicia en ruta’ suma outros dous itinerarios que percorren gran parte do perfil da comunidade. A Ruta Azul propón percorrer os case 1.500 quilómetros de litoral da rexión, desde a desembocadura do Miño ata Ribadeo. A Ruta Verde é, pola contra, fundamentalmente de interior, a través das localidades e comarcas orientais que fan fronteira con Asturias, Castela e León e o norte de Portugal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario