18 de abr. de 2026

TOMIÑO

O PSdeG-PSOE de Tomiño solicita declarar o municipio “Libre de Prostitución e Trata” 


Violeta de Santiago - á der. - e Mirta Misa, concelleiras do Grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño
Foto: GMS
  

Infogauda / Tomiño

 O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Tomiño, a través da súa voceira Violeta de Santiago Moure, presentou hoxe unha moción para o seu debate en Pleno co obxectivo de converter a Tomiño nun “Concello Libre de Prostitución e Trata de Mulleres e Nenas” 

 A iniciativa socialista busca que o Concello asuma un compromiso activo contra o que consideran unha forma extrema de violencia de xénero e unha violación dos dereitos humanos. Segundo explica De Santiago, a prostitución e a trata son dúas caras da mesma moeda que responden a unha desigualdade estrutural onde o corpo das mulleres convértese nunha mercadoría.  

Foco no proxenetismo e axuda ás vítimas  

 A moción presentada polo PSdeG-PSOE propón medidas concretas para abordar esta problemática desde o ámbito local:  

 1. Ordenanza Municipal: Instar ao Goberno Local a elaborar unha norma que promova a erradicación da explotación sexual no concello.  

 2. Protección sen sancións: Garantir que os Servizos Sociais ofrezan atención integral, formación e alternativas de emprego ás mulleres, deixando claro que o Concello nunca sancionará ás vítimas, senón que se centrará en desincentivar a demanda.  

 3. Sensibilización: Reforzar as campañas dirixidas á mocidade para visibilizar que a prostitución é violencia machista e eliminar calquera publicidade de servizos sexuais nos medios e espazos públicos municipais.    

 “A adhesión á Rede de Municipios Libres de Prostitución supón poñer o foco no cliente e no proxeneta, e non na muller explotada. As institucións públicas teñen a obriga de ofrecer alternativas reais”, defende a voceira socialista.  

 Finalmente, a moción tamén insta ao Goberno de España e á Xunta de Galicia a aprobar unha Lei abolicionista que penalice o proxenetismo en todas as súas formas e a compra de sexo, seguindo as recomendacións do Parlamento Europeo e o Convenio de Istambul. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario