Tomiño acollerá o III Torneo Escolar Benéfico de Tenis para apoiar ás asociacións locais
• Un evento deportivo, solidario e festivo que se celebrará o 26 de abril de 09.30 a 13.30 h nas pistas municipais do Mosteiro
Infogauda / Tomiño
Tomiño prepárase para vivir un día cheo de deporte e solidariedade. Concello e Escola de Tenis acolle a terceira edición do Torneo Escolar Benéfico de Tenis, que volve o vindeiro 26 de abril de 09.30 a 13.30 horas ás pistas municipais do Mosteiro para recadar alimentos e roupa para que máis o necesita na comarca.
O campionato estará dividido en cinco categorías (peques, 2020-2021; prebenxamín, 2018-2019; benxamín, 2016-2017; alevín, 2014-1015 e infantil, 2012-2013) e haberá agasallos para todas e todos os deportistas participantes. Durante a mañá realizarase un sorteo de premios, merenda para a rapazada inscrita e entrega de trofeos e medallas ás e aos gañadores do encontro.
A inscrición será solidaria: cada xogador deberá realizar unha doazón de alimentos non perecedoiros para a asociación SOS Tomiño Baixo Miño ou roupa para a asociación Solidariedade en tus Manos. As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información a través do correo electrónico ctgondomar@hotmail.com ou do teléfono 680 124 239. Para facilitar a participación, as inscricións poderán realizarse a través dun formulario en liña.
Co obxectivo de fomentar a participación e o espírito comunitario, convídase ademais a toda a veciñanza de Tomiño e arredores, a desfrutar da mañá de tenis, unirse a esta causa e participar nas doazóns aínda que solo asistan a ollar os encontros.
“Deporte e solidariedade danse a man neste torneo que permitirá axudar a dúas das asociacións que máis traballan no día a día no noso Concello. Tamén nos permite que os nenos e nenas que participen poidan xa tomar conciencia da realidade que viven algunhas familias e de que se pode axudar moito con pequenos actos, todo nun ambiente festivo e mentres se fomenta o deporte”, sinala o Concelleiro de Benestar Social e Deportes, Rubén García.
Ningún comentario:
Publicar un comentario