A XUNTA DE GALICIA BATE RECORD DE PRAZAS PARA AS ACTIVIDADES DESTE VERÁN CON CASE 12.000 VACANTES
• O programa inclúe campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado e actividades en instalacións xuvenís
• Reguera destacou a importancia deste tipo de iniciativas que facilitan a conciliación e ofrece experiencias únicas aos mozos e mozas
• O delegado salientou a ampla oferta de actividades na provincia de Pontevedra
Infogauda / Pontevedra
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, informou esta mañá sobre a campaña de verán da Xunta de Galicia, que volve acadar cifras históricas ao superar as 11.900 prazas, 300 máis que na edición de 2025.
A programación, baixo a denominación Modo Verán Activo, abrangue diferentes modalidades como campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado e actividades concertadas en instalacións xuvenís, co obxectivo de ofrecer á mocidade alternativas de lecer educativo, cultural, deportivo e formativo durante os meses estivais.
Durante a súa intervención, o delegado territorial destacou que se trata dunha “programación ambiciosa e moi agardada polas familias, que se mellora en cada edición para dar resposta á crecente demanda e garantir que a mocidade poida gozar dun verán enriquecedor e inesquecible”. Neste sentido, subliñou que Galicia “segue a consolidarse como un referente a nivel estatal pola calidade das súas accións en materia de tempo libre xuvenil”.
Reguera puxo tamén en valor a gran oferta dispoñible na provincia de Pontevedra. Así, no caso do procedemento xeral, a provincia conta con 11 alternativas en e preto de 25 quendas; para os minicampamentos Coñece Galicia hai 7 iniciativas e 15 quendas; as persoas que opten ás prazas reservadas para inclusión disporán de 3 opcións e 12 quendas; no caso dos que opten a intercambios con outras comunidades, poderán elixir entre 12 alternativas e 12 quendas.
Cabe destacar que esta convocatoria inclúe un sistema de preferencia no sorteo para aquelas persoas que non obtiveron praza na edición anterior, co obxectivo de dotar o proceso dunha maior equidade e favorecer a rotación nas adxudicacións.
O principal piar da campaña son os campamentos, que suman un total de 8.050 prazas destinadas a mozos e mozas de entre 9 e 17 anos, repartidas en 36 instalacións nas catro provincias galegas, o que supón un incremento de 173 prazas respecto ao ano pasado. A esta oferta engádense 301 prazas en intercambios con outras comunidades autónomas, así como 105 prazas específicas para persoas con discapacidade.
A oferta complétase cos minicampamentos Coñece Galicia, dirixidos a nenos e nenas de entre 9 e 12 anos, que suman 876 prazas distribuídas en 13 programas e que se desenvolven en contornas naturais durante cinco días, favorecendo a conciliación familiar e o coñecemento do patrimonio galego.
No eido do voluntariado, ofértanse 815 prazas en campos de traballo, dos que 665 se desenvolven en Galicia, 75 noutras comunidades autónomas e 75 no estranxeiro, promovendo valores como a convivencia, a solidariedade e a participación activa da mocidade.
Así mesmo, inclúense 1.270 prazas en actividades concertadas en instalacións xuvenís, organizadas por entidades e asociacións, así como un programa específico para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, que contará con 160 prazas e cuxo prazo de inscrición se abrirá a mediados de maio.
O delegado territorial destacou tamén o carácter integrador da campaña, que garante a participación en igualdade de condicións de toda a mocidade, contando cos apoios necesarios en cada caso. Neste sentido, puxo en valor o traballo coordinado entre diferentes departamentos da Xunta de Galicia para facer posible unha programación completa e accesible.
A campaña de verán da Xunta de Galicia consolídase así como unha das principais iniciativas de lecer educativo da comunidade, contribuíndo ao desenvolvemento persoal da mocidade e á conciliación das familias.

Ningún comentario:
Publicar un comentario