20 de abr. de 2026

PONTEVEDRA

O BNG pide na Deputación un compromiso institucional coa paz e o rexeitamento ao desfile das Forzas Armadas en Vigo  

 A deputada Manuela Rodríguez chama a apoiar a manifestación contra o militarismo convocada pola Plataforma Galiza pola Paz para o 30 de maio  


A deputada Manuela Rodríguez fai un chamamento ao goberno provincial é a cidadanía en xeral a apoiar e tomar parte da manifestación convocada na cidade olívica para o 30 de maio pola Plataforma Galiza Pola Paz
Foto: Cedida

Infogauda / Pontevedra

 O BNG vén de presentar na Deputación unha moción instando á Corporación provincial a amosar o seu compromiso institucional coa paz e o rexeitamento aos actos das Forzas Armadas que se desenvolverán en Vigo entre o 26 e o 31 de maio. A deputada Manuela Rodríguez fai un chamamento ao goberno provincial é a cidadanía en xeral a apoiar e tomar parte da manifestación convocada na cidade olívica para o 30 de maio pola Plataforma Galiza Pola Paz amosando a súa oposición ao militarismo, ao imperialismo, á escalada belicista e ao aumento do gasto militar, que sempre van en detrimento das políticas sociais e do benestar da maioría da poboación. 

 Segundo o Bloque, resulta especialmente preocupante a intensificación da carreira armamentística e a normalización de discursos e prácticas que contribúen á militarización da sociedade. A deputada Rodríguez entende que non é compatible defender a paz e ao mesmo tempo participar ou colaborar en dinámicas que reforzan o militarismo, xa sexa mediante o aumento do investimento en armamento, a cesión de infraestruturas militares ou a promoción de actos de exaltación das Forzas Armadas como os que se pretenden celebrar no concello de Vigo a finais de maio.  

 Durante varias xornadas, lembra a nacionalista, o estado español exhibirá na cidade olívica o “poderío” militar dos seus tres exércitos amosando a súa preparación ante as ameazas actuais. Porén, expón Rodríguez, “a paz non se constrúe a través da exhibición de forza nin da acumulación de armamento, senón de políticas activas de cooperación, solidariedade internacional, xustiza social e respecto aos dereitos humanos e a soberanía dos pobos”.  

 Por iso, subliña o BNG, é preciso reafirmar dende todas as institucións o compromiso coa paz, rexeitar a escalada bélica e apostar decididamente por políticas que contribúan á desmilitarización. Lembra a deputada do Bloque que Galiza ten unha longa tradición no seu compromiso pola paz, polo que insta á Corporación provincial a manifestar o seu apoio á mobilización social organizada pola Plataforma Galiza pola Paz en Vigo para o vindeiro 30 de maio. 

 A moción do BNG subliña que a escalada militarista que se está a producir a nivel internacional está a situar o mundo nun escenario de inestabilidade e risco con consecuencias imprevisibles para as condicións de vida das maiorías sociais. Apunta que os conflitos en curso provocados por Estados Unidos e Israel evidencian unha dinámica baseada na confrontación, na vulneración do dereito internacional e no desprezo polos mecanismos de resolución pacífica.  

 “A utilización da forza militar como instrumento de política internacional está a se consolidar como práctica habitual do imperialismo, abrindo unha espiral de violencia. (...) Esta lóxica responde a intereses xeopolíticos e económicos vinculados ao control de recursos estratéxicos e supón unha grave ameaza para a soberanía dos pobos e para o respecto ao dereito internacional”, advirten. 

 Por iso, o texto presentado para aprobación en Pleno solicita o compromiso da Deputación coa paz e o dereito internacional, rexeitar a escalada bélica e calquera forma de intervención que contribúa á desestabilización social, instar ao goberno do Estado e á UE a apostar pola diplomacia, amosar o rexeitamento ao incremento do gasto militar, expresar a oposición ao uso do territorio galego e das súas infraestruturas con fins militares ou de apoio a operacións bélicas, demandar ao goberno español que poña fin de maneira definitiva á presenza militar norteamericana en territorio español e á utilización do territorio galego como base de infraestruturas e actividades da OTAN e reclamar a saída da mencionada organización, así como apoiar a mobilización pola paz, contra o imperialismo e o militarismo, nomeadamente na manifestación nacional do día 30 en Vigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario