A Deputación aproba 555.000 € das liñas 1 e 2 do Plan +Provincia para os concellos da Caniza e A Guarda
• Luis López anunciou que o Concello da Caniza contará con case 480.000 € para completar a humanización da rúa Antonio Facorro e o Concello da Guarda 76.000 € para actividades e festas de xuventude, cultura e turismo
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno dúas novas achegas do Plan +Provincia 2026-2027 para os concellos de A Caniza e A Guarda por un total de 555.000 euros. Así, A Caniza recibe preto de 480.000 € da liña 1 de investimentos e A Guarda 76.000 € da liña 2 de financiamento de gasto corrente para diferentes actividades e festas.
Desta maneira, os preto de 480.000 euros que recibe A Caniza permitiranlle completar o orzamento da obra de humanización da rúa Antonio Facorro, pois se suman aos 700.000 € que xa recibiu do Plan Extra 2024 e aos 277.000 € do +Provincia 2024, de tal forma que a Deputación aporta o 100% do orzamento de máis de 1,4 millóns de euros. O proxecto contempla transformar a vía nun espazo máis accesible, inclusivo e funcional, priorizando a mobilidade peonil e a sostibilidade nunha zona que conecta puntos clave da localidade como a Praza Maior, o parque central e o mercado municipal. A actuación permitirá crear unha plataforma única cun carril de tráfico; ampliar as beirarrúas para facilitar o tránsito peonil; renovar o pavimento; modernizar as redes de abastecemento, saneamento e telecomunicacións; soterrar as liñas de baixa tensión; mellorar o alumeado público con luminarias LED, máis eficientes; e incorporar arborado, zonas axardinadas e mobiliario urbano. Tamén se dotará a este espazo de pasos de peóns elevados e nova sinalización horizontal e vertical.
Pola súa banda, a Guarda repartirá os 76.000 euros que recibe da liña 2 entre a Festa Miudiña (18.000 €), o ciclo Tocamúsica (preto de 16.000 €), o axenda de dinamización sociocomunitaria da OMIX (1.600 €), a programación de artes escénicas (12.000 €), o Samaín (3.600 €), a programación de cine (2.400 €), a axenda do verán 2026 (2.000 €), o ciclo de música clásica (6.000 €) e a Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira (15.000 €).
Luis López lembrou que o Plan +Provincia 2026-2027 está dotado de 85 millóns de euros. “Seguimos sumando recursos destes 85 millóns, o que fan deste o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da nosa historia”, asegurou o presidente da Deputación.

Ningún comentario:
Publicar un comentario