16 de abr. de 2026

OURENSE

Os premios Empréganos recoñeceron ás empresas comprometidas coa inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental en Ourense 

Textil Lonia, Vectalia Rail, Prink Iberia, Integra Empleo, a Confederación Empresarial de Ourense, o Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar e Ramiro Gómez de Limpiezas Ramiro, foron as empresas e persoas premiadas nun acto que congregou a preto de 100 asistentes no Teatro Principal de Ourense 


O presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia e as autoridades participantes no evento, coas persoas e representantes das entidades premiadas nesta edición

Ana Escrigas Rodríguez / Ourense 

 Esta tarde, Saúde Mental FEAFES Galicia celebrou a cuarta edición dos seus Premios EMPRÉGANOS, que teñen como obxectivo recoñecer o compromiso e a implicación das empresas, organismos e persoas favorecedoras da inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental.  

 Na categoría Empresa Promotora do Emprego con Apoio resultou premiada Textil Lonia, en recoñecemento ás numerosas vacantes de emprego que ofrecen a persoas con problemas de saúde mental en todos os seus departamentos. O premio á Empresa Impulsora da Integración Sociolaboral foi para Vectalia Rail, pola promoción de contratos estables e duradeiros. Prink Ourense, pola súa banda, recibiu o premio á Empresa Impulsora do Talento en Prácticas por acoller a persoas sen experiencia profesional para a realización de prácticas na tenda e pola especial sensibilidade cara as persoas con problemas de saúde mental. 

 Na categoría Emprego Protexido, recoñeceuse a Integra Empleo, que destaca por compartir numerosas vacantes e ofrecer un emprego de calidade, así como pola facilidade para realizar un axeitado seguimento das persoas contratadas. A Entidade Colaboradora premiada foi a Confederación Empresarial de Ourense por contribuír á visibilización de Saúde Mental FEAFES Galicia e por impartir formación de calidade sobre autoemprego ás persoas con problemas de saúde mental. O Organismo Colaborador premiado foi o Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar, por traballar as habilidades prelaborais das persoas con problemas de saúde mental privadas de liberdade e acompañalas posteriormente nos procesos de integración sociolaboral unha vez recuperan a liberdade.  

 Finalmente, como Persoa Referente recibiu o galardón Ramiro Gómez, de Limpiezas Integrales Ramiro, en recoñecemento á súa entrega, sensibilidade e boa disposición cara a inserción laboral de colectivos vulnerables, e por ser unha persoa altamente implicada coa igualdade de oportunidades e a non discriminación. 

 Na súa intervención, o presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, sinalou que ao longo do 2025, a entidade axudou a 924 persoas con problemas de saúde mental a lograr un emprego en toda Galicia (120 na área de Ourense), o cal representa o 72,3% das persoas atendidas. Esta cifra, moi superior ao índice xeral de inserción laboral do colectivo, demostra que cando hai un servizo especializado detrás, as oportunidades para estas persoas multiplícanse exponencialmente.    

 O acto estivo conducido por Inma Soto, contacontos ourensá, e Nerea Pérez, usuaria de Saúde Mental FEAFES Galicia. Esta última puxo o foco na importancia que ten o emprego para o desenvolvemento dun proxecto de vida de calquera persoa, canto máis das que teñen un problema de saúde mental. Nerea pediu confianza e non discriminación por parte do empresariado, para que as persoas con problemas de saúde mental poidan demostrar a súa valía no eido laboral: “agradezo a confianza de todas as empresas e persoas que nos contratan, porque ese é o primeiro paso para camiñar cara unha sociedade máis xusta e inclusiva”. 

 Ao acto acudiron tamén a concelleira de Política Social, Tamara Silva Cid; a deputada provincial de Políticas Sociais, Patricia Torres Madureira; e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño Regueiro. Houbo tamén persoal técnico, directivo e persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia e das súas asociacións, así como a presenza de múltiples empresarios e empresarias da zona, contando cun total de preto de 100 asistentes.  

O emprego, un camiño cara a normalización 

 A baixa inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental é unha das principais barreiras coas que se atopa este colectivo de cara á súa integración social, debido en gran medida aos prexuízos que aínda existen no eido empresarial e na sociedade en xeral.  

 Segundo datos do INE, a taxa de emprego das persoas con problemas de saúde mental é do 22,3%, sendo a máis baixa de todas as discapacidades. Non obstante, segundo a experiencia de Saúde Mental FEAFES Galicia, un problema de saúde mental non ten por que ser un impedimento para obter un emprego. Na maioría dos casos, as persoas con problemas de saúde mental non só son capaces de traballar senón que acaban sorprendendo ao empresariado pola súa dedicación, motivación e calidade de traballo.  

 Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en preto de 30 localidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario