O Concello de Oia informa da ampliación do prazo de alegacións aos proxectos eólicos e facilita novos modelos na web municipal
• O prazo de información pública dos proxectos eólicos Margarita 18, Cote 25, Nao 19 e Galera 25 foi ampliado ata o vindeiro 4 de maio
Infogauda / Oia
Co obxectivo de facilitar a participación da veciñanza, a web do Concello de Oia xa conta con modelos de alegacións actualizados, adaptados á nova documentación presentada, que poden ser utilizados polas persoas interesadas.
Esta ampliación do prazo prodúcese despois de que a empresa promotora dos proxectos eólicos Margarita 18, Cote 25, Nao 19 e Galera 25 achegase nova documentación ambiental. Segundo recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 17 de marzo, esta actualización implica que o período de exposición pública volve comezar desde o inicio, sendo o 4 de maio (incluído) a nova data límite para presentar alegacións.
O Concello lembra que as alegacións presentadas anteriormente seguen sendo válidas. Non obstante, este novo prazo permite tamén presentar novas alegacións ou completar as xa entregadas, tendo en conta a documentación recentemente incorporada ao expediente.
As persoas interesadas poden descargar o modelo actualizado no apartado “Parques eólicos” da web municipal, a través da seguinte ligazón: https://www.concellodeoia.es/parque-eolico-p-e-margarita-18-p-e-cote-25-p-e-nao-9-p-e-galera-25-lsat-20-kv-cs-alto-das-veigas-se-ufd-gondomar/
O Concello de Oia xa presentou as súas alegacións en contra destes proxectos polos seus posibles impactos ambientais, paisaxísticos, patrimoniais e sociais na Serra da Groba e tamén ten feito todo o traballo de revisión e actualización da documentación técnica relacionada con este expediente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario