28 de abr. de 2026

O ROSAL

CONCERTO 40º ANIVERSARIO AMDOR

 O vindeiro sábado 2 de maio, ás 20:00 horas, no Auditorio do Rosal




 Agrupación Musical do Rosal / O Rosal

 O vindeiro sábado 2 de maio, ás 20:00 horas, o Auditorio do Rosal acollerá o concerto do 40º aniversario, unha cita moi especial dentro do camiño cara a Kerkrade. 

 A actuación contará coa participación do recoñecido director convidado Juanjo Ocón e desenvolverase baixo o formato de taquilla inversa, polo que, ao remate do concerto, cada asistente poderá decidir libremente a súa achega. A recadación destinarase a financiar a viaxe da agrupación a Kerkrade.  

 Juanjo Ocón (Donostia, 1968) é músico, pedagogo e director de orquestra cunha ampla traxectoria internacional. Formouse no Conservatorio Superior de Música de San Sebastián, onde obtivo o Premio Fin de Carreira. Foi director artístico e titular da Xove Orquestra de Euskal Herria (EGO) durante dúas décadas, contribuíndo de maneira decisiva á proxección de novos talentos.  

 Ao longo da súa carreira, colaborou como director convidado con prestixiosas formacións como a Filharmónica de Moravia, a Orquestra Nacional de Letonia, a Sinfónica de Euskadi ou a Sinfónica de Galicia, entre outras. Ademais, foi director da Banda Municipal de Música da Coruña entre 2017 e 2020.  

 Entre outros recoñecementos, conta coa medalla ao mérito cidadán de Donostia-San Sebastián, o Premio da sociedade Gaztelubide, o Premio da confraría da Queimada ou o Premio Protagonistas. Desenvolveu tamén unha destacada labor docente no Centro Superior de Música do País Vasco (Musikene) e actualmente exerce como profesor na Escola Municipal de Música de Donostia-San Sebastián.  

 Este concerto supón unha nova oportunidade para o público de gozar dunha proposta musical de calidade e, ao mesmo tempo, apoiar o proxecto da agrupación na súa proxección internacional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario