Explosión cultural no Rosal con 24 propostas para todos os públicos
• O Concello presenta unha ampla axenda que comeza esta mesma fin de semana con deporte, música, festas e grandes citas culturais ata o inicio do verán
Infogauda / O Rosal
Explosión cultural no Rosal cunha programación que reborda vida, música e actividade. O Concello xa ten preparada para os meses de maio e xuño unha ampla axenda cultural con 24 propostas para todos os públicos que converterán o municipio nun escenario continuo de encontro, celebración e participación veciñal nas vindeiras semanas.
A programación comeza esta mesma ponte do Primeiro de Maio cun calendario especialmente intenso. O día 1 disputarase o XIV Torneo Memorial Iago Ameal Pereira no campo de fútbol da Mata, ao tempo que comezan as festas de San Xosé Obreiro en Novás, que se prolongarán ata o día 2. Ese mesmo período acollerá tamén o I Máster de Futbolín Baixo Miño no Restaurante Juan, do 1 ao 3 de maio, consolidando unha oferta variada que combina deporte, tradición e lecer.
Ademais, o sábado 2 de maio será unha das grandes noites desta nova axenda cultural coa celebración do concerto do 40 aniversario da Agrupación Musical do Rosal, que contará coa dirección convidada de Juanjo Ocón e terá lugar ás 20.00 horas no Auditorio Municipal, con entrada a taquilla inversa. O programa contará coa presenza dun dos grandes nomes da dirección orquestral no Estado, cunha traxectoria internacional que inclúe a colaboración con formacións como a Filharmónica de Moravia ou a Orquestra Nacional de Letonia.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientou o sentido desta programación como unha aposta de longo percorrido, xa que “O Rosal está a vivir un momento no que a cultura, o deporte e a participación veciñal van da man. Esta axenda non é só unha suma de actividades, é unha invitación a saír á rúa, a compartir e a facer comunidade”. A rexedora destacou tamén o valor simbólico deste arranque de programación. “Comezar o mes de maio cunha oferta tan diversa amosa a forza do noso tecido asociativo e a capacidade que temos como concello para crear espazos de encontro para todas as idades”, recalcou.
Xunto a estas primeiras citas, a programación inclúe novas propostas dos Venres Rebuldeiros; o III Rula Roupa Rosal na praza do Calvario; o concerto das Letras Galegas o 17 de maio con Os Terribles de Donas; o concerto solidario de Cruz Vermella co Coro Gli Appassionati e o Coro Infantil do Rosal, ademais de tres propostas teatrais e a presentación do documental De Avós a Netas, prevista para o 23 de maio na praza do Calvario.
O Concello subliña que esta programación, que se estenderá ata o verán, busca consolidar O Rosal como un referente cultural no Baixo Miño, combinando tradición, creatividade e participación cidadá nun calendario vivo e en constante movemento.

Ningún comentario:
Publicar un comentario