O PSOE de Oia reclama maior claridade e control na restauración da canteira de Burgueira
• E abstense en varios puntos económicos no pleno extraordinario
Infogauda / Oia
O Concello de Oia celebrou unha sesión plenaria extraordinaria convocada pola alcaldía na que se abordaron, entre outros asuntos, a concesión dunha licenza municipal para as obras de restauración do solo afectado pola extracción de pedra na canteira situada en espazos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Burgueira.
Durante o debate deste punto, o Grupo Municipal Socialista sinalou que, tal e como recolle o informe do Ministerio para a Transición Ecolóxica, non se prevén actuacións sobre a superficie hormigonada na que se sitúan instalacións da explotación nin sobre dúas edificacións sen paredes, salvo que a Comunidade de Montes de Burgueira indique o contrario para o seu uso por parte dos comuneiros.
Desde o PSOE advertiron da necesidade de garantir que o proceso de restauración se realice con total transparencia e co máximo respecto ao interese público e ao medio ambiente.
Na sesión tamén se deu conta ao pleno da liquidación do Orzamento municipal correspondente ao ano 2025.
En relación cos asuntos económicos, o Grupo Municipal Socialista optou pola abstención na aprobación de varios puntos, entre eles un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 48.583,08 euros, así como outro expediente económico que ascende a 202.686,78 euros, ambos aprobados cos votos a favor do grupo de goberno.
Desde o PSOE de Oia sinalan que esta posición responde á necesidade de analizar con maior profundidade este tipo de expedientes e reforzar o control sobre a xestión económica municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario