30 de abr. de 2026

O PORRIÑO

O PSdeG-PSOE do Porriño pendente da situación dunha porriñesa a bordo da Flotilla Global Sumud 


Ana Fuentes Rey
Foto: Cedida

Infogauda / O Porriño

 A Agrupación do PSdeG-PSOE de O Porriño, vén de facer público á seguinte nota de prensa:

 "Sobre ás 02.00 h desta madrugada, producíase en augas internacionais, próximas a Grecia, o asalto ás embarcacións da Flotilla Global Sumud por parte de forzas navais israelís, cando navegaban destino a Gaza co único obxectivo de entregar material de supervivencia. 

 Na agrupación socialista, eramos coñecedores de que a bordo dunha desas embarcacións partiría desde Barcelona unha porriñesa, Ana Fuentes, unha sanitaria en misión humanitaria con destino a Gaza. 

 Ana Fuentes Rey pertence á Plataforma Sanidade Galega por Palestina e posúe unha traxectoria profesional en sanidade de máis de 35 anos; é veciña do Porriño e actualmente traballa no PAC de Vigo. 

 Xunto a outros 6 profesionais galegos, o seu obxectivo era o de poder entregar aos sobreviventes dos bombardeos de Gaza, os alimentos, medicamentos, material escolar ou produtos de primeira necesidade. 

 Esta mañá a concelleira socialista, Sthela Mª Táboas, que estivo en contacto permanente con Ana e a súa familia, puido saber que esta porriñesa e os demais compañeiros galegos, puideron chegar a salvo á costa de Grecia. 

 Non correron a mesma sorte os 175 detidos por Israel, dos que unhas 32 persoas son de nacionalidade española. 

 É por iso que, esta mesma mañá, a agrupación socialista do Porriño púxose  en contacto directo co Ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, manifestándolle preocupación pola súa veciña e polos demais voluntarios “xa que  non debemos esquecer que varios barcos foron asaltados en augas internacionais, nin tan sequera estaban preto da liña vermella. Na súa abordaxe esnaquizáronlles  motores, bloqueado comunicacións e detido a persoas en misión humanitaria; impedindo que chegue axuda a familias, feridos e enfermos que sobreviven como poden” manifesta Táboas. 

 A resposta foi rápida, xa que o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, comunicouse telefonicamente co portavoz socialista, David Alonso, indicándolle que xa se puxo en marcha o protocolo para este tipo de actuacións, velando polo interese dos españois que foron retidos polas tropas israelís. 

 O concelleiro socialista destacou a “preocupación do Delegado do Goberno pola seguridade dos voluntarios, galegos principalmente, comprometéndose a manternos informados en todo momento sobre a situación” agradece Alonso".

Ningún comentario:

Publicar un comentario