30 de abr. de 2026

GALIZA

A CIG, admitida como entidade colaboradora no proceso de regularización de persoas migrantes 

•  A central recomenda poñerse en contacto cos locais previamente para pedir cita e organizar deste xeito a atención ás persoas interesadas 




Infogauda / Galiza

 A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de ser admitida como entidade colaboradora do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, polo que poderá participar no proceso de regularización extraordinaria de persoas migrantes posto en marcha polo Goberno central. Dende o sindicato recomendan contactar cos locais previamente para pedir cita mediante whatsapp, correo ou teléfono, segundo estableza cada comarca.  

 A CIG anunciara a finais do mes pasado a posta en marcha dunha campaña de información e acompañamento das persoas migrantes para que poidan acollerse ao proceso de regularización extraordinaria aberto en abril, xa que a central sindical defende un modelo de migración con dereitos. Tamén lle reclamaba ao Goberno español axilidade na publicación das condicións definitivas, xa que a normativa aínda non fora publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) a escasos días do inicio do prazo. 

 A CIG defende que a inmigración é un fenómeno estrutural na Galiza, non marxinal nin conxuntural, e lembra que as persoas migrantes sosteñen sectores enteiros da economía, compensan o colapso demográfico e contribúen de forma decisiva ao sistema de pensións e ao crecemento do PIB. Porén, dende o sindicato denuncian que fan todo isto en condicións de precariedade que non serían aceptables para outros colectivos. 

 “A irregularidade administrativa é a principal ferramenta que usa o capital para converter a brecha xurídica nun estado de vulnerabilidade que acaba deprimindo as condicións do conxunto da clase traballadora”, sinalan. “Non podemos permitir que existan persoas traballadoras de primeira e de segunda. Quen traballa aquí ten dereito a ser tratado como parte plena do país”. Polo que a CIG considera que o proceso de regularización extraordinaria iniciado polo Goberno do Estado é un paso necesario para garantir dereitos laborais. 

 Neste senso, o sindicato rexeita os discursos que culpabilizan ás persoas migrantes dos problemas estruturais como a falta de vivenda ou a precariedade laboral. Pola contra, advirte de que esa tensión é artificial e que os datos demostran que non existe competencia directa polo emprego. 

Principais requisitos para acollerse ao proceso 

- Estar no Estado español antes do 31 de decembro de 2025. 

- Acreditar permanencia continuada de cinco meses inmediatamente anteriores á solicitude. 

- Non ter antecedentes penais nin no Estado español nin no país de orixe. 

- Pasaporte (en vigor ou caducado). 

 A documentación necesaria inclúe, con carácter preferente, o certificado de empadroamento histórico, contratos de aluguer con recibos de pago, facturas de servizos, informes médicos, extractos bancarios e billetes de entrada ao país. Neste senso, a CIG recomenda preparar o expediente con antelación para a súa revisión. 

PRAZOS CLAVE 

- Solicitude aberta: principios de abril a 30 de xuño de 2026. 

- Efectos da admisión: unha vez admitida a solicitude, a persoa queda autorizada provisionalmente para residir e traballar en calquera sector e en todo o territorio do Estado. 

Regularización, formación e dereitos 

 Finalmente, a CIG advirte de que a regularización non é a meta final, senón o punto de partida. Por iso, o sindicato esixe: 

- Regularización áxil e permanente de quen traballa e vive no país, con eliminación da vinculación entre situación administrativa e acceso a dereitos laborais. 

- Homologación efectiva de titulacións, acabando co desperdicio de capital humano que supón que médicas, enxeñeiras e profesoras traballen en postos moi por baixo da súa cualificación. 

- Acreditación de competencias profesionais para quen ten experiencia pero carece de títulos formais. 

- Formación sectorial en horario laboral e con remuneración, incluíndo itinerarios de integración lingüística en galego. 

- Loita activa contra o racismo e a xenofobia no ámbito laboral.

Ningún comentario:

Publicar un comentario