CARTA ABERTA Á ILMA. SRA. ALCALDESA DE CANGAS DE MORRAZO
Ormaluga
Organización de Mariñeiros/as Luso Galaica OPP98
www.ormaluga.gal
ormaluga@ormaluga.gal
En Aldán a 14 de abril de 2026
Ilma. Sra. Xestido:
Desde a Organización de Mariñeiros/as Luso-Galaica – Ormaluga – , como entidade representativa do sector da navalla da ría de Aldán, poñémonos de novo en contacto con vostede en relación coa modificación da clasificación da calidade das augas da ría de Aldán, a causa dos vertidos fecais que provoca a rede de sumidoiros do Concello que vostede preside.
Como xa lle trasladamos de maneira privada o pasado 7 de abril mediante un email mais un escrito a través do rexistro, o INTECMAR decretou o 1 de abril unha rebaixa na clasificación das augas da ría de Aldán (GAL-10) debido á presenza persistente da bacteria E. coli en niveis elevados. Non fai falla que lle expoñamos que esta proliferación bacteriana ten a súa orixe nun funcionamento deficiente da rede municipal de saneamento, que provoca que vertidos sen depurar acaben directamente no mar.
Sen entrar no dano reputacional e o problema de salubridade que esta circunstancia poida ocasionar á poboación en xeral, para sector da navalla de Aldán este cambio de categoría implica a perda da nosa principal vantaxe competitiva.
Como ben saberá, somos un sector integrado por pequenos produtores englobados na pesca artesanal, cuxa área de explotación é moi limitada en extensión. Neste contexto, a principal vantaxe competitiva que tiñamos fronte a outras zonas de produción radicaba no selo de calidade que nos outorgaba a extracción do recurso nunha zona con augas de categoría A, fronte á clasificación B que agora compartimos co resto de bancos navalleiros do territorio galego. En consecuencia, é facilmente entendible que este empeoramento na calidade das augas está a provocarnos perdas económicas directas debido á conseguinte baixada de prezos que, tras un inverno nefasto para as persoas que traballamos no mar, vén a supoñer a pinga que fai rebosar o vaso. Pero alén das perdas económicas conxunturais, esta modificación tamén menoscaba a confianza do consumidor no noso produto, botando por terra todo o esforzo que o sector da navalla de Aldán está a facer para posicionarse como produto singular, de alta calidade, con características únicas derivadas da clasificación tipo A.
Como xa lle trasladamos hai unha semana, expoñémoslle esta situación para que poida poñer en contexto o dano que a deficiente xestión do saneamento público provoca nun sector produtivo. A nosa economía e a nosa capacidade de xerar emprego e riqueza vense directamente afectadas pola xestión do saneamento que fai o Concello de Cangas. Con todo, entendemos que a responsabilidade do problema non recae só na institución municipal. A histórica débeda da Xunta de Galicia co saneamento integral das Rías e a xestión de Augas de Galicia entran tamén en xogo. Aínda así, consideramos que o Concello, coa súa Alcaldesa á cabeza, debe ser a institución que dea a cara e faga fronte aos problemas, ben poñéndolle solución ou reclamando ás administracións que teñan a competencia. O que non é concebible é que un Concello como o de Cangas se desentenda dun problema que afecta tan seraiamente á súa veciñanza e que xoga coa competitividade do sector primario.
Por esta razón, e dado que ningún representante do Concello de Cangas se puxo en contacto co sector, solicitámoslle de novo unha reunión na que lle poidamos expoñer as repercusións que todo isto conleva para nós. Pero sobre todo, gustaríanos abordar as medidas a curto prazo que o Concello de Cangas está a adoptar para paliar estes episodios de contaminación, así como as medidas a medio e longo prazo que pensan artellar para que non se produzan de novo.
Lembrámoslle que cada modificación de categoría require, a posteriori, un período mínimo de 10 meses de analíticas positivas continuadas para a recuperación da categoría, polo que o tempo apremia. Para nós é vital coñecer o plan de acción do goberno municipal para garantir que non se volvan producir vertidos á ría.
Confiando que esta vez si se produza, quedamos á espera da súa resposta.
Manuel Ignacio Carballal Miñán
Ormaluga
Ningún comentario:
Publicar un comentario