6 de mar. de 2026

VIGO

Mobilidade   

Abel Losada felicita a todo o equipo humano do aeroporto de Vigo polo premio como mellor aeroporto mediano de Europa  

“Este premio pon á terminal da provincia de Pontevedra nun escaparate de primeiro nivel”


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada con Ana Molés, directora do aeroporto de Vigo, e unha representación do persoal do aeródromo e de AENA

Foto: S. do G. 

Infogauda / Vigo 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, transmitiu a felicitación “a todo o equipo humano do aeroporto de Vigo e, en especial á súa directora, Ana Molés, e tamén a AENA polo premio ao Mellor Aeroporto Europeo mediano que acaba de concederlle o Consello Internacional de Aeroportos (ACI). 

 Losada afirmou que non debe esquecerse de que “este é un premio á calidade do servizo que se presta aos usuarios” e tamén “un recoñecemento expreso ao “traballazo” que fixo o persoal ao completo contribuíndo a que a experiencia de voar desde ou cara a Vigo sexa satisfactoria”. 

 O subdelegado lembrou tamén que hai poucos meses a dirección do aeroporto de Vigo tomou a iniciativa de solicitar á Subdelegación do Goberno a instalación dun punto violeta no servizo de Información, o que demostra o interese na mellora continua e unha atención integral aos usuarios. 

 O premio ASQ (Airport Service Quality) que a terminal viguesa vén de recibir recoñecen a excelencia na atención ao viaxeiro nas infraestruturas aéreas de toda Europa e é a primeira vez que Peinador alcanza este recoñecemento, sen esquecer que outros 10 aeroportos de AENA recibiron outros galardóns. 

 Os premios basean nas enquisas de satisfacción realizadas directamente aos pasaxeiros nas portas de embarque. Nestas avaliacións cualifícanse aspectos como a limpeza, a amabilidade do persoal, a seguridade e a eficiencia das instalacións.  

 Abel Losada concluíu que este premio “pon nun escaparate de primeiro nivel” ao aeroporto da provincia de Pontevedra dentro dun escenario de competitividade pola atracción de roteiros aéreos, un aspecto no que, apuntou, “cónstame que tamén se está traballando ben”. 

 A cerimonia de entrega dos ASQ será en Istambul, durante o encontro anual ACI World Airport Experience Summit, que se celebrará do 31 de agosto ao 4 de setembro. A ACI constituíuse en 1991 para promover a colaboración entre os aeroportos e outros socios do mundo da aviación, como a que engloba a todas as aerolíneas, IATA (Asociación Internacional do Transporte Aéreo), ou CANSO (Organización Internacional de Provedores de Servizos de Navegación Aérea), co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento dun sistema de transporte aéreo seguro, eficiente e respectuoso co medio ambiente. Na actualidade, este consello integra a 811 membros, que operan en máis de 2.200 aeroportos en 160 países.

Ningún comentario:

Publicar un comentario