6 de mar. de 2026

PONTEVEDRA

8M   

Losada premia o labor dos 27 CIM da provincia no 8M e critica os “bombardeos testosterónicos e feminicidas” que asolan “este mundo covarde”: “Non á guerra!”  

Montserrat González, presidenta de ASOCIM (Asociación de Profesio-nais dos CIM) recibe o galardón da Subdelegación do Goberno 

O subdelegado condena os comportamentos machistas de dirixentes políticos, alcaldes, presidentes de Deputacións e ata comisarios 

“Non se deben facer concesións nin chegar a acordos de goberno con partidos negacionistas; os principios non son unha chaqueta reversible” 

Montserrat González: “Enfrontámonos a novos tipos de violencia; no seu día foi a psicolóxica, logo a económica, despois a vicaria e agora xorde con forza a ciberviolencia”  


O subdelegado, Abel Losada, entregou un recoñecemento á presidenta de ASOCIM (Asociación de Profesionais dos CIM), Montserrat González
Foto: S. do G.

Infogauda / Pontevedra  

 A Subdelegación do Goberno en Pontevedra acolleu o acto institucional con motivo do Día Internacional da Muller, no que os 27 Centros de Información á Muller (CIM) repartidos por toda a provincia foron os protagonistas. O subdelegado, Abel Losada, entregou un recoñecemento á presidenta de ASOCIM (Asociación de Profesionais dos CIM), Montserrat González, “un modesto premio para as mulleres que acompañan ás mulleres que necesitan axuda”. 

 Nun acto ao que asistiron traballadoras dos CIM, colectivos sociais e feministas, alcaldes e alcaldesas, autoridades e os mandos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Losada definiu aos CIM como "verdadeiras pancas de cambio", que non só acompañan ás mulleres en situacións críticas de violencia de xénero, senón que impulsan o seu empoderamento laboral e persoal. 

 Porén reivindicou unha maior estabilidade para os CIM, actualmente dependentes dos concellos e precariamente subvencionados pola Xunta de Galicia para cubrir os salarios do persoal. Por elo, reclamou unha rede pública autonómica robusta e estrutural para aliviar as costas da Administración local.  

 No seu discurso, puxo de relevo os avances alcanzados gracias ás políticas de Igualdade “que non son adornos no programa electoral”, senón instrumentos que fan posible a subida do Salario Mínimo Interprofesional e que en España haxa máis de 10 millóns de mulleres tranballando, que a a  brecha salarial do ano 2023 (último dato consolidado) estea no 15,7% (o dato máis baixo da serie histórica) e, se nos cinguimos ás mulleres que traballana tempo completo, a brecha teña baixado ao 4%. Ademais recordou que España está no cuarto posto no Índice Europeo de Igualdade de Xénero, 7,5 puntos por enriba da media comunitaria.  

Os pactos vergoñentos 

 O subdelegado rexeitou expresamente os machismos que afloran en tódolos sectores da sociedade e que van retratando a políticos de tódalas cores, a alcaldes, a presidentes da Deputación e a comisarios. Aludiu ás enquisas que apuntan que o feminismo perde posicións entre a poboación máis moza e criticou os pactos vergoñentos con partidos políticos negacionistas. “Agora escoitamos cousas como que se poden facer concesións ou que as políticas de xénero son inventos ideolóxicos, como se as malleiras, os desprezos ou os despidos encubertos por quedarte embarazada fosen cuestións que se poden colgar nun armario e utilizar como unha chaqueta reversible”. 

 Alertou sobre as novas formas de violencia que chegan coa Intelixencia Artificial ou o uso perverso das Rede Sociais, polo que aplaudiu a prohibición de acceso a estes medios para os menroes de 16 anos e o labor constante que as FCSE fan contra o acoso dixital. 

 Na súa intervención lamentou que esta celebración do 8M teña coincidido con “bombardeos unilaterais, testosterónicos e feminicidas” e así aludiu aos conflitos armados en Ucraína, Palestina e agora en Irán, “onde Trump e Netanyahu comezaron por bombardear unha escola de nenas matando a 148 persoas”. Ademais, non esqueceu criticar o maltrato ás mulleres dun réxime iraní tiránico, onde unha moza de 22 anos, Mahsa Amini, foi apaleada ata a morte pola Policía da Moral por non vestir adecuadamente o velo. 

 O subdelegado, ante esta terrible situación que se está a producir no mundo, cun sufrimento adicional para as mulleres, expresou o seu orgullo persoal por representar a un Goberno “que é capaz de alzar a voz mentres outros calan e baixan a cabeza covardemente neste mundo covarde”. “Permítanme dicir aquí: Non á guerra!”, proclamou. “Pode que non o fagan os tribunais, pero que ninguén teña dúbidas de que a historia nos xulgará a todos”. 

 Montserrat González dedicou o premio non só aos 27 CIM da provincia, senón, en calidade de presidenta da asociación, aos 84 de toda Galicia e deu a voz de alerta sobre a necesidade de coidar tamén ás traballadoras dos centros, que sofren unha gran presión e caen en baixas prolongadas por ansiedade ou, o que é peor, renuncian a coller a baixa. Expresou o seu agradecemento á Subdelegación “que, con este premio, demostra coñecer o noso campo de batalla”. En coincidencia coa reivindicación do subdelegado pediu máis dignidade laboral e mellores condicións para as traballadoras. 

 A presidenta de ASOCIM alertou sobre os cambios no fenómeno da violencia e recordou que cando empezouse a traballar no eido da violencia psicólóxica, era ata complicado explicarlle a algúns xuíces que tiñan que ditar ordes de afastamento. Logo, explicou, chegou a violencia económica e, a continuación, a violencia vicaria exercida contra os fillos para danar ás mulleres. “Agora irrompe con forza o fenómeno da ciberviolencia, sobre todo entre as persoas mozas”, alertou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario