11 de mar. de 2026

TUI

Christopher Pérez Quartet ofrecerá un concerto en Tui no marco do 800 aniversario da consagración da catedral 

•  Será o próximo venres, 20 de marzo, ás 20.30 h no Teatro Municipal 


Christopher Pérez Quartet
Foto: Cedida

Infogauda / Tui

 Unha amalgama de sons e estilos musicais resoarán o próximo venres, 20 de marzo,  no Teatro Municipal no concerto que ofrecerá Christopher Pérez Quartet, no marco da programación conmemorativa do 800 aniversario da consagración da catedral de Tui.  

 Esta agrupación está formada por Cristopher Pérez, saxofón tenor; Daniel Pimenta, batería; Guillaume Coulbois, piano, e David Muñoz, contrabaixo. Este cuarteto foi o gañador do Concurso Nacional Juventudes Musicales de España en 2024. Actuará en Tui grazas á colaboración entre  o Concello de Tui, a entidade tudense Xuventudes Musicais Eixo Atlántico e a Confederación Nacional Juventudes Musicales de España, que está a celebrar o seu 75 aniversario.  

 O concerto, que comezará o venres, 20 de marzo, ás 20.30 h, ofrecerá un percorrido musical polos sons vibrantes do Jazz que se mesturarán coas influencias musicais do lugar de orixe de cada un dos integrantes do cuarteto. O resultado é unha proposta harmoniosa, chea de creatividade e paixón que se reflicte en cada melodía.  

 No programa a interpretar ofrecerán “Despertar”, “Explosión”, “Ilusiones”, “La Selva” e “Paciencia” todas compostas por Cristopher Pérez, xunto a “Cyclic Episode” de Sam Rivers.    

 A entrada ao concerto será libre até completar o aforo do Teatro Municipal de Tui.  

 Continúa con este evento a programación conmemorativa do 800 aniversario da consagración da catedral de Tui cunha nova aposta pola música que se suma aos concertos celebrados con anterioridade dende o pasado 30 de novembro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario