27 de mar. de 2026

TOMIÑO

O PSdeG ESÍXELLE Á XUNTA QUE DEIXE DE DISCRIMINAR A TOMIÑO E MELLORE XA A SEGURIDADE VIARIA NA PO-344 AO SEU PASO POR BARRO  

 Carlos López Font alertou de que se trata dun treito onde hai unha escola infantil, múltiples establecementos e unha parada de bus e denunciou que ten “unha perigosidade evidente” porque as persoas se ven na obriga de camiñar pola calzada ante a falta de beirarrúas  

 O deputado socialista criticou que o Goberno de Rueda alegue que só dispón de 2 millóns de euros para desenvolver proxectos de mellora en oito estradas, “o que demostra unha falla total de preocupación pola veciñanza”  

 

Carlos López Font, do Grupo Parlamentario Socialista de Galicia, defendeu en comisión unha iniciativa a través da que se demandan actuacións como a construción de beirarrúas, a instalación dunha iluminación axeitada, na estrada PO-344 ao seu paso por Barro, en Tomiño
Foto: G.P.S.de G.

Infogauda / Tomiño  

 O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia reclamoulle hoxe á Xunta unha mellora urxente da seguridade viaria na estrada PO-344 ao seu paso por Barro, en Tomiño. Carlos López Font defendeu en comisión unha iniciativa a través da que se demandan actuacións como a construción de beirarrúas, a instalación dunha iluminación axeitada “e todos os elementos que garantan unha circulación segura tanto para vehículos como para peóns”.  

 O deputado do PSdeG asegurou que “a realidade mostra carencias evidentes no mantemento e modernización de moitas infraestruturas de titularidade autonómica”, sobre as que o Goberno do PP non adopta medidas eficaces co fin de reducir o risco de accidentes. “Esa falta de resposta pon en perigo a vida dos usuarios e usuarias e reflicte unha xestión afastada das necesidades da cidadanía”, afirmou.  

 No caso de Tomiño, recordou que o tramo da PO-344 no lugar de Barro é “unha zona residencial moi transitada polos peóns, con múltiples establecementos e parada de bus”, ao que se une a presenza dunha escola infantil nas inmediacións dunha curva, o que supón que, ante a falta de beirarrúas, as familias teñan que recoller en plena calzada a nenos e nenas de menos de 6 anos, o que demostra “unha perigosidade evidente”.  

 As melloras precisas constitúen, segundo precisou, “unha reclamación reiterada da veciñanza, que leva anos pedindo solucións sen obter resposta efectiva”. “Falamos de persoas maiores, nenos e nenas que se desprazan a pé, de familias ven comprometida a súa seguridade cada día”, advertiu.  

 Font criticou que a Xunta bote balóns fóra alegando que deu orde de estudo para a elaboración de diversos proxectos relacionados coa seguridade viaria en oito estradas, entre as que se atopa a PO-344, pero sinalou “que só dispón de 2 millóns de euros para todas esas melloras”, o que é “claramente insuficiente e demostra unha falla total de preocupación pola veciñanza”.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario