5 de mar. de 2026

TOMIÑO

As socialistas de Tomiño rexeitan aprobar unha nova prórroga do contrato coa empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo


Violeta de Santiago Moure e Mirta Isabel Misa Misa, nun momento do pleno desta semana
Foto: G.M.S.

Infogauda / Tomiño 

 Na sesión plenaria celebrada o pasado luns 2 de marzo, as concelleiras do Grupo municipal do PSdeG-PSOE de Tomiño, Violeta de Santiago Moure e Mirta Isabel Misa Misa, rexeitaron a aprobación da oitava prórroga do contrato de xestión do servizo público de recollida domiciliaria de residuos sólidos urbanos, transporte á planta de transferencia, e a limpeza viaria coa empresa URBASER. 

 A voceira socialista Violeta de Santiago manifestou no pleno que "xa o ano pasado, na aprobación da anterior prórroga, o goberno local asegurou que tan só sería por uns meses ata que estivera redactado o prego de condicións para  licitar de  novo, o servizo. Tamén asumiu o compromiso de manter unha xunta de portavoces para explicar polo miúdo, en que consistiría o novo modelo de recollida de residuos que se vai a implantar no Concello". 

 "A día de hoxe nada diso se cumpriu. Seguimos esperando por esa reunión, e o servizo cada día é máis deficitario e caótico, cunhas frecuencias de recollida insuficientes, provocadas pola falla de persoal", engadiu Violeta de Santigo. A voceira socialista tachou "o goberno municipal de non fiscalizar o labor e xestión da empresa, lembrándolle que no momento de asinar o contrato o cadro de persoal contaba con 11 persoas reforzándose no verán, para acabar sendo nestes tempos tan só de 6 traballadores. A isto súmase o lamentable estado dos contedores, así como a súa escaseza en todas as parroquias, xa que logo, esta nova prórroga non contempla ningunha mellora no servizo e a situación irá a peor, sendo a veciñanza quen o vai a sufrir a diario". 

 Asemade, as concelleiras socialistas acusaron "ao goberno local de alongar os prazos ata pasar as eleccións municipais por cuestións electoralistas, o que cualifican dunha absoluta irresponsabilidade política con nefastas consecuencias para a cidadanía,  o medio ambiente e a imaxe do noso concello". 

Incumplimento da lei

 Por outra banda, as socialistas móstranse moi críticas coa aprobación da prórroga do contrato entre o Concello de Tomiño e a empresa AQUALIA S.A., para a xestión do servizo de auga potable e rede de sumidoiro. Denunciaron no pleno que se está a incumprir a Lei de Contratos das Administracións Públicas aprobada polo Real Decreto 1098/2001, que establece no seu artigo 100 que “a prórroga debe acordarse antes do vencemento do contrato e que en ningún caso pode ser obxecto de prórroga un contrato xa vencido” sendo a data de vencemento do actual, o 22/02/2026. 

 A voceira socialista manifesta que este feito de facer algo ilegal ás sabendas ten un nome, que é prevaricación, e criticou a nula xestión deste goberno así como a deixadez e falla de previsión con este contrato asinado polo Concello e demandou maior dilixencia na revisión dos contratos, pois a neglixencia deste goberno pode poñer en risco servizos esenciais. 

 Por último, as socialistas recomendan "menos sesións de fotos e vídeos propagandísticos e máis traballo".  

Ningún comentario:

Publicar un comentario