5 de mar. de 2026

TOMIÑO

Tomiño dá un novo paso para o recoñecemento oficial do Camiño da Nosa Señora do Norte como itinerario cultural  

 O Concello aprobou en pleno impulsar o apoio á súa inclusión no Itinerario Cultural de Interese Autonómico como primeiro paso para un futuro recoñecemento como un novo Camiño de Santiago  


Grupo de persoas facendo o Camiño da Nosa Señora do Norte
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 O patrimonio tamén constrúe futuro. O Concello de Tomiño aprobou en pleno a súa aposta decidida polo recoñecemento do Camiño da Nosa Señora do Norte como Itinerario Cultural de Interese Autonómico, un primeiro paso para un futuro recoñecemento como un novo percorrido do Camiño de Santiago.  

 A alcaldesa, Sandra González, subliñou que esta iniciativa “supón recoñecer oficialmente o enorme valor histórico e patrimonial dunha ruta que forma parte da nosa identidade e das relacións históricas coa veciñanza portuguesa. O apoio a esta declaración é un paso imprescindible para garantir a súa protección, difusión e posta en valor como recurso cultural e de desenvolvemento sostible para o noso territorio”. 

 O acordo aprobado en pleno reafirma o compromiso do Concello coa recuperación e protección da variante histórica, apoia a súa tramitación como Itinerario Cultural de Interese Autonómico e insta á Xunta de Galicia a ter en conta esta ruta nos procesos de recoñecemento previstos, mantendo a colaboración institucional coas entidades implicadas. Con esta decisión, Tomiño consolida a súa aposta por poñer en valor o seu patrimonio histórico como motor de identidade, cooperación transfronteiriza e dinamización local. 

 Desde o ano 2022, o Concello está a impulsar un traballo constante de investigación, recuperación e posta en valor desta variante histórica ao seu paso polo municipio. Documentado desde 1295 co traballo histórico realizado polo arquitecto Antonio Soliño, este itinerario constitúe un testemuño de grande relevancia das relacións históricas, culturais e espirituais entre Galicia e Portugal, configurándose como un elemento patrimonial de especial importancia para o territorio. 

 Nun marco de diálogo continuo coa Xunta de Galicia, o Concello mantivo diversas reunións cos órganos competentes en materia de patrimonio cultural para trasladar o interese polo proxecto e explorar vías de encaixe na nova figura de recoñecemento impulsada pola administración autonómica. Estes encontros incluíron unha reunión en xaneiro de 2025 coa anterior directora xeral e outra en decembro de 2025 co actual director xeral, nas que se abordou a adecuación da ruta á figura de Itinerario Cultural de Interese Autonómico, prevista a partir de 2026.

Ningún comentario:

Publicar un comentario