5 de mar. de 2026

A CAÑIZA

Mobilízanse diante da residencia de maiores Santa Teresa da Cañiza pola dignificación das condicións laborais 

 O centro que xestiona a Fundación San Rosendo ten escaseza de persoal e négase a aplicar o convenio do sector para manter salarios máis baixos 


Persoas traballadoras da Residencia Geriátrica Santa Teresa da Cañiza mobilizáronse hoxe diante do centro de maiores 
Foto: CIG

Infogauda / A Cañiza

 Persoas traballadoras da Residencia Geriátrica Santa Teresa da Cañiza mobilizáronse hoxe diante do centro de maiores para reclamar a dignificación das súas condicións laborais, máis persoal e unha mellora das instalacións que redunde na mellora da atención e das condicións de vida das persoas usuarias. 

 Na concentración, que se desenvolveu de 11:00 a 12:00 horas ao berro de “Non somos escravas, somos traballadoras” e “San Rosendo, escoita, estamos en loita”, participaron medio cento das arredor de 80 persoas que traballan na residencia, que estiveron acompañadas por delegadas da CIG no sector dos coidados (SAF e residencias). 

 Dende a central sindical explican que cando hai tres anos conseguiron a maioría no comité de empresa (3 de 5 representantes) comezaron os contactos coa dirección para mellorar tanto as condicións laborais como o propio centro, ademais de abordar a necesidade de ampliar o cadro de persoal para rematar coa sobrecarga de traballo que padecen as persoas empregadas na actualidade.  

 En concreto, demandan que a empresa teña como referencia o convenio galego de Residencias, xa que agora aplica o propio de empresa baseado no estatal de Atención a Persoas con Discapacidade, con peores condicións e salarios máis baixos. Ante a negativa da empresa a negociar, a CIG xa iniciou os recursos xudiciais encamiñados a lograr que se aplique o convenio de sector. O persoal solicita tamén novas contratacións, xa que na actualidade as coidadoras están obrigadas a facer tamén labores de lavandería, axuda en cociña, limpeza, etc.  

 No que respecta ao propio centro, consideran necesario a instalación de aire acondicionado para impedir que as altas temperaturas durante a época estival afecten a saúde das persas residentes. A isto hai que sumarlle a falta de profesionais en psicoloxía e fisioterapia. “Todo isto afecta á atención das persoas usuarias, porque o tempo que podemos dedicarlles é escaso”, sinalan dende a representación da CIG na residencia.  

 Nos últimos tres anos a dirección accedeu a manter xuntanzas unicamente nun par de ocasións, optando por ignorar a representación sindical. “Négase a sentarse e vincula a negociación ao comité intercentros, que ten controlado, e no que nós contamos unicamente con 7 representantes de 63”, denuncian dende a CIG.

Ningún comentario:

Publicar un comentario