Turismo
Abel Losada coordina os dispositivos de seguridade e mobilidade ante a eclipse de 2026
A eclipse de sol do 12 de agosto será visible en toda a provincia, polo que non é necesario desprazarse para observala
“O máis importante é a seguridade, tanto no transporte como a ocular: é crucial utilizar gafas homologadas, non valen radiografías, lentes polarizadas ou de soldador”, afirma o subdelegado
Detectan incremento das reservas hoteleiras e tamén paquetes turísticos organizados dende Portugal con voos en Oporto
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presidiu unha reunión con responsables das asociacións astronómicas da provincia, representantes da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, hostaleiros e diferentes organismos da Administración Xeral do Estado e das Forzas e Corpos de Seguridade, para avanzar na preparación do operativo ante a eclipse total de sol prevista para o vindeiro 12 de agosto de 2026.
Durante a xuntanza, Abel Losada lembrou que esta será a primeira das tres eclipses que se poderán observar desde España nos próximos anos, coñecidas como o “Trío de Eclipses 2026-2027-2028”. Galicia será un dos territorios privilexiados para a observación da eclipse deste ano e España será o único país europeo desde o que se poderá contemplar na súa totalidade. A este respecto lembrouse que a última eclipse data de 1912, o que da idea do extraordinario desta “carambola astronómica”.
Na xuntanza tomaron parte a directora de Promoción Turística da Xunta, Carmen Pita e a directora de Turismo Rías Baixas (Deputación), Romina Fernández. Polas asociacións astronómicas estivo o presidente da asociación Sirio; Igor Piñeiro; o responsable da asociación Rías Baixas, Francisco Novoa; Benigno González, de Astrovigo e Ana María Ulla, vicepresidenta da Fundación Ceo. Tamén asistiu a presidenta da Federación Provincial de Turismo (Feprotur), Beatriz Carballido. As Forzas e Corpos de Seguridade do Estado estiveron representadas polo comandante da Garda Civil Tomás García; o capitán do Subsector de Tráfico, Antonio Piteira, e o comisario-xefe provincial da Policía Nacional, Juan José Díaz. Por parte da Administración do Estado tomaron parte a secretaria xeral da Subdelegación, Mabel Alonso; o director de Seguridade de ADIF, Daniel Riveira, e a xefa da Unidade de Protección Civil, Natalia Caño.
Na provincia de Pontevedra, tres concellos da comarca de Deza poderán observar a eclipse de forma total (Agolada, Rodeiro e Vila de Cruces), pero será tamén practicamente total (magnitude 0,99) no resto do territorio. Deste xeito, case calquera punto no que o Sol non estea tapado por obstáculos, como un edificio ou arborado é adecuado, será idóneo tendo en conta que o astro rei estará bastante baixo ao coincidir o eclipse cerca do solpor. Ademais haberá que estar pendentes da posible aparición de néboas.
Reservas hoteleiras
Dende a Federación de Hoteleiros e colectivos astronómicos deuse conta que as reservas estanse activando para esas datas e, ademais, estase a detectar a aparición de paquetes turísticos con chegada e saída dende o aeroporto de Oporto, así como do impacto que van ter os desprazamentos cara Galicia dende o Norte de Portugal para observar o fenómeno astronómico. Ademais, dende ADIF explicouse que Renfe está atenta á demanda por se é necesario reforzar as prazas.
Abel Losada afirmou que a xuntanza montouse para avanzar na prevención de posibles problemas en materia de transporte, dado que a meirande parte dos desprazamentos serán por estrada e pode haber problemas coa irrupción de autocaravanas. Neste senso, haberá un dispositivo especial da Garda Civil de Tráfico e tamén dos efectivos de seguridade cidadá.
O subdelegado foi informado do posible risco de incendios diante da posibilidade de acampadas en montes, polo que a Subdelegación transmitirá información á Brilat, que desempeña a operación Centinela tódolos veráns.
Porén, a principal preocupación é a divulgación de información a importancia de observar a eclipse con gafas homologadas. A este respecto, dende as asociacións astronómicas insistiuse que as lesións de retina tralo último eclipse total, que se produciu nos Estados Unidos, incrementáronse exponencialmente. Losada quere destacar que non valen nin radiografías, nin lentes polarizadas, nin caretas de soldador, “só valen as gafas homologadas, adquiridas en ópticas, e, ademais, deben utilizarse durante toda a duración do eclipse”.
O subdelegado recolleu a suxestión de incorporar información sobre o eclipse durante as sesións do Plan Director para a Convivencia nos Centros Educativos que realice a Garda Civil e a Policía Nacional de aquí ao 12 de agosto.
Identificación de puntos de observación
Un dos aspectos centrais tratados durante a reunión foi a identificación dos puntos de observación preferentes en cada municipio. A Subdelegación do Goberno xa remitiu unhas fichas aos concellos para que identifiquen os puntos recomendados, que ofrezan boas condicións de visibilidade e que conten con infraestruturas adecuadas para acoller afluencias de público, especialmente en materia de accesos, mobilidade e aparcamento. Ademais, deben identificar aqueles puntos que consideran como non recomendados por dificultades tanto nos accesos como na seguridade. As fichas están a ser recollidas pola Xunta de Galicia que, ao remate do procedemento, fará chegar a información ao Goberno de España. Ao mesmo tempo, a Deputación está a traballar cos concellos.
Segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional, a eclipse parcial comezará ás 19:32 horas, rematará ás 21:22 horas. A fase de eclipse total para os tres concellos de Deza dará comezo ás 20.28 e rematará ás 20.29.
A cidadanía pode consultar información detallada sobre horarios, parámetros técnicos, recursos divulgativos e recomendacións para unha correcta observación na web oficial habilitada polo Instituto Xeográfico Nacional: https://eclipses.ign.es/.

Ningún comentario:
Publicar un comentario