10 de mar. de 2026

PONTEVEDRA

FEMUPO celebrará o 11 de abril a 5ª edición dos Premios Mulleres FEMUPO na Finca Batacos 


Foto de familia das mulleres premiadas na edición precedente
Foto: FEMUPO

Raquel Touriño Casal / Pontevedra

 A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) celebrará o vindeiro sábado 11 de abril ás 20:00 horas na Finca Batacos (Pontevedra) a 5ª edición dos Premios Mulleres FEMUPO, un acto de recoñecemento público a mulleres e entidades que contribúen de maneira destacada ao avance da igualdade e ao desenvolvemento social do territorio. 

 Os Premios Mulleres FEMUPO consolidáronse como unha cita de referencia na provincia para visibilizar referentes femininos e recoñecer o labor de persoas e colectivos que traballan pola igualdade desde distintos ámbitos da sociedade. 

 A edición de 2026 conta co apoio do Plan Social ENCE Pontevedra, cuxa colaboración permite impulsar unha iniciativa de alto impacto social comprometida coa igualdade de oportunidades, o desenvolvemento do rural, a cultura, o asociacionismo, o deporte e a acción pública. 

Premiadas na edición 2026  

 Nesta quinta edición, os galardóns recoñecerán traxectorias destacadas nas seguintes categorías: 

Cultura  

Montse Betanzos, artesá colareira do Grove, en representación dunha tradición transmitida entre xeracións que converteu o traballo coas conchas nun símbolo da cultura mariñeira galega. 

Empresa  

Raquel Touceda, responsable de Fresas Touceda (A Estrada), referente de emprendemento feminino no rural e de innovación sostible no sector agrícola. 

Asociacionismo  

Asociación Albor Mulleres Rurais de Valga, polo seu traballo continuado de apoio ás mulleres do rural e de fortalecemento da participación e da rede asociativa.    

Deporte 

Veteranas do Club de Remo Vila de Cangas, único equipo feminino desta categoría na provincia de Pontevedra e exemplo de perseveranza, igualdade e envellecemento activo. 

Administración  

Centro de Información á Muller (CIM) da Lama, Cerdedo-Cotobade e Fornelos de Montes, polo seu labor de atención, acompañamento e defensa dos dereitos das mulleres, especialmente no ámbito rural.   

 O acto incluirá a cerimonia de entrega dos premios, amenización musical a cargo de Noite Son e un cóctel de confraternización, creando un espazo de encontro entre institucións, entidades sociais e persoas comprometidas coa igualdade. 

 Desde FEMUPO destacan que estes premios nacen coa vontade de poñer en valor o papel das mulleres como motor de cambio social, cultural e económico, visibilizando referentes reais que inspiran ás novas xeracións e fortalecen o tecido asociativo da provincia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario