O Concello de Oia organiza charlas informativas en Mougás e Viladesuso sobre os novos proxectos eólicos na Serra da Groba
• Alegará en contra dos proxectos e porá a disposición da veciñanza modelos de alegación
Infogauda / Oia
No día de hoxe, venres, 6 de marzo de 2026, recibimos na Redacción deste xornal dixital transfronteirizo, unha nota de prensa do Concello de Oia, que a continuación reproducimos literalmente:
"O Concello de Oia organizará o vindeiro martes 10 de marzo dúas charlas informativas abertas á veciñanza para explicar os catro proxectos eólicos anunciados recentemente no municipio así como o proceso de presentación de alegacións.
As reunións celebraranse ás 18.00 horas na Casa Cultural de Mougás e ás 19.30 horas na Casa Cultural de Viladesuso. Durante os encontros, un técnico externo contratado polo Concello explicará os principais aspectos dos proxectos dos parques eólicos Margarita 18, Cote 25, Nao 19 e Galera 25, publicados nun anuncio do DOG o pasado 4 de febreiro, así como da súa infraestrutura de evacuación eléctrica.
O Concello ten previsto presentar alegacións contra estes proxectos e, co obxectivo de facilitar a participación da veciñanza, porá á disposición das persoas interesadas copias dun modelo de alegación para que poidan asinalo e rexistralo dentro do período de información pública. O prazo para a presentación de alegacións está aberto ata o próximo 18 de marzo.
Entre outras cuestións, nas alegacións advírtense posibles afeccións ambientais, paisaxísticas e patrimoniais na Serra da Groba, así como impactos sobre hábitats naturais e especies protexidas. Tamén se sinala a proximidade dalgúns aeroxeradores a varios núcleos de poboación das parroquias de Mougás e Viladesuso e a carencia dalgúns estudos específicos, como poden ser os relativos ás posibles afeccións a captacións de auga, ao benestar animal dos garranos da Serra da Groba e o traballo arqueolóxico de campo que é preceptivo neste tipo de proxectos, entre outros estudos obrigatorios.
Con estas reunións, e ao igual que se fixo con anteriores anuncios de parques eólicos que afectan ao municipio (Albariño I, Merendón, Toroña e Torroña I), o Concello busca informar á veciñanza sobre o alcance dos proxectos e facilitar a súa participación no proceso administrativo de presentación de alegacións. Nesta liña, o documento de alegacións tamén estará dispoñible na web municipal".
Ningún comentario:
Publicar un comentario