6 de mar. de 2026

VIGO

FRONTE AO MEDO E O FASCISMO 

A RESISTENCIA É FEMINISMO 




Resposta Feminista - As que miran lilá

 Dende Resposta Feminista - As que miran lilá, plataforma feminista viguesa composta por máis de 60 mulleres individuais e diversas entidades feministas da cidade, chamamos a todas as mulleres da comarca, e á cidadanía en xeral, a participar na mobilización polo Día Internacional da Muller Traballadora e da loita feminista, o 8M, que terá lugar o vindeiro domingo 8 de marzo ás 18:00 horas. A manifestación sairá da Praza dos Cabalos. 

 “Resposta Feminista – As que miran lilá” é unha plataforma coa vocación e o compromiso de convocar as mobilizacións unitarias do feminismo vigués, tomando así o relevo das distintas plataformas que mobilizaron e convocaron ao feminismo na cidade, como foron Feminismo Unitario, Galegas 8M, Marcha Mundial das Mulleres ou a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto. 

 Dende Resposta Feminista traballamos na construcción dun espazo que loite en chave local, onde a pluralidade é considerada riqueza e os distintos sentires dos feminismos suman forza. Coma as nosas predecesoras, constituímonos como feminismo autónomo, desvinculadas de siglas partidistas, cun compromiso claro de representar e loitar polas mulleres e convocando mobilizacións que non deixen a ningunha atrás. 

 Baixo o lema “Fronte ao medo e o fascismo, a resistencia é feminismo”, percorreremos as rúas de Vigo coa firmeza que nos dá saber que o feminismo foi, é e será a única opción de supervivencia fronte ao facismo. Non imos permitir que nos arrinquen os dereitos que levamos exercendo anos e non toleraremos a violencia dos poderes racistas e imperialistas que están a percorrer o planeta.  

 Defendemos un feminismo antifascista, antirracista, anticolonial e pacifista, que poña a vida no centro e que aposte por servizos públicos fortes, condicións laborais dignas e recoñecemento real dos coidados. Por iso, rexeitamos os discursos racistas, que só sementan o medo e sinalan ás persoas migrantes como se fosen inimigas. Coas nosas compañeiras migrantes tecemos comunidade. Tampouco imos aturar máis discursos de odio que banalizan a violencia machista, ou as discriminacións e persecucións que sofre o colectivo LGTBIQA+. 

 O feminismo é un movemento antifascista, por iso, convidamos a todas a organizarse para coidar as redes, para seguir construíndo comunidade onde os discursos neoliberais e fascistas non teñan cabida. 

 Por todo isto, o 8 de marzo unímonos para alzar unha voz potente e firme contra as lóxicas que nos queren facer retroceder. 

 Facemos un chamamento para encher as rúas de Vigo o vindeiro 8 de marzo, baixo o lema  “FRONTE  AO  MEDO  E  O  FASCISMO,  A  RESISTENCIA  É  FEMINISMO”, demostraremos que seguimos organizadas, firmes e sen medo. Vémonos ás 18:00h na Praza dos Cabalos para berrar ben forte que non imos permitir un nin un paso atrás: Fronte ao medo e o fascismo, a resistencia é feminismo!”




ALEN DA MANIFESTACIÓN TERÁN LUGAR AS SEGUINTES ACTIVIDADES: 

 O mesmo domingo 8 de marzo a partir das 12 xuntarémonos na Morada cun vermú e micro aberto para quen queira tomar a palabra, compartir reflexións, propostas ou expresións artísticas. 




 Teremos tamén un xantar comunitario e durante a xornada estará exposto o tear colectivo que fomos construíndo entre todas, símbolo da rede feminista que nos sostén e nos une.

Ningún comentario:

Publicar un comentario