3 de mar. de 2026

OIA

Mougás acollerá este xoves a proxección do documental “Vidas irrenovables”, que analiza os impactos das enerxías renovables no rural 


Redacción / Oia

 Despois da celebración, a pasada semana, dunha charla en Viladesuso sobre os novos parques eólicos con afección nos montes de Oia proxectados pola empresa Arena Green Power, a actividade informativa continuará este xoves 5 de marzo ás 19:30 horas na Casa da Cultura de Mougás coa presentación da película-documental “Vidas irrenovables”, un filme de Francisco J. Vaquero que aborda o impacto das enerxías renovables nos ecosistemas, as economías e as comunidades rurais. O acto, de entrada libre ata completar a cabida e con taquilla inversa, incluirá a proxección do documental e a intervención de representantes das comunidades de montes de Mougás e Viladesuso, o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) e SOS Groba.  

 Esta iniciativa enmárcase dentro das accións informativas iniciadas polas comunidades de montes a raíz de que, o pasado 4 de febreiro, se fixese público o anuncio de 4 novos proxectos industriais eólicos: Margarita 18, Cote 25, Nao 19 e Galera 25, que afectan aos montes das dúas parroquias oienses. O proxecto inclúe a infraestrutura de evacuación LSAT 20 kV CS Alto das Veigas–SE UFD Gondomar, que tamén tería afección nos concellos de Baiona e Gondomar.  

 A través de diferentes accións informativas, os e as representantes dos anteditos colectivos pretenden fomentar o coñecemento e o debate arredor dos proxectos eólicos anunciados. En cada sesión se abordan os impactos destes proxectos sobre a paisaxe, así como os danos que ocasionarían sobre o patrimonio cultural e natural da contorna, un territorio de alto valor ambiental, histórico e etnográfico. Tamén se expoñen os detalles técnicos coñecidos ata o momento, os prazos administrativos e achégase información útil para a presentación de alegacións, cuxo prazo remata o vindeiro 18 de marzo, incluído. 

 A organización anima á veciñanza e aos colectivos sociais a asistir á proxección audiovisual deste xoves e avanza que xa está traballando en novas accións. Entre elas destaca a convocatoria, para o domingo 15 de marzo, dunha manifestación en rexeitamento duns proxectos eólicos que, de saír adiante, suporán unha significativa transformación do territorio de Oia e a súa contorna.

Ningún comentario:

Publicar un comentario